Mirando polo Camiño no Condesa de Fenosa

 

Durante o presente ano académico o alumnado de 5º de educación primaria do Ceip Plurilingüe Condesa de Fenosa está a levar a cabo un proxecto enmarcado no Plan Proxecta, concretamente no programa de Educación Patrimonial “Mirando polo Camiño”, ofertado pola Conselleria de Educación, Universidade e FP en colaboración, neste caso, coa Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

A temática do proxecto xira en torno ao Camiño De Santiago, centrándose na ruta do Camiño de Inverno por ser esta a que transcorre pola localidade. Co proxecto preténdese dar a coñecer ao alumnado o fenómeno do Camiño De Santiago, o patrimonio cultural, artístico, literario… máis próximo así como promocionar e facer visible a ruta do Camiño de Inverno á sociedade desta comarca.

 

Para levar a cabo o proxecto leváronse a cabo diferentes actividades documentais, de investigación…na aula para as que contamos coa colaboración de diferentes organismos e asociacións como a de Amigos do Camiño por Valdeorras.

O pasado venres 21 de maio, o alumnado acompañado por profesorado do centro, participou nunha ruta guiada por un tramo do Camiño de Inverno. Para esta actividade, a Direccion Xeral de Patrimonio Cultural puxo á disposición do centro ao arqueólogo Santiago Ferrer que trasmitiu os seus coñecementos sobre o tema ao alumnado. Tamén temos que agradecer a colaboración desinteresada da Adega Godeval por facilitarnos o coñecemento patrimonial do Mosteiro e cova de Xagoaza.

Nos vindeiros días, en colaboración con AEVA, os traballos artísticos realizados polo alumnado ao abeiro do proxecto serán expostos nos escaparates dalgúns comercios da localidade. Tamen terán lugar outras actividades no centro para as que se contará coa colaboración de grandes expertos na temática como son David Daniel Vázquez e Antonio Castro Voces.

Ademais, coa colaboración do Concello, instalarase un Xogo da Oca do Camiño de Inverno, feito en lousa doada por Pizarras Los Tres Cuñados; farase tamén unha representación gráfica do trazado do Camiño de Inverno nunha zona visible da localidade e instalarase un panel promocional do mesmo creado polo alumnado.

Este proxecto terá continuidade o vindeiro curso académico no que, se a situación sanitaria o permite se levarán a cabo actividades a pé de Camiño e coas que se tratará de dar a coñecer á sociedade valdeorresa o patrimonio artístico e cultural da Ruta do Camiño de Inverno.