marco Montederramo

 

  • O delegado territorial, Rogelio Martínez supervisou o remate das obras acompañado polo alcalde da localidade, Antonio Rodríguez
  • A Consellería de Medio Rural e do Mar investiu este ano 3.600.000 euros na mellora de infraestruturas rurais na provincia 

Ao abeiro do Plan Marco Programa de mellora de camiños de titularidade municipal, promovido pola Consellería de Medio Rural e do Mar, o concello ourensán de Montederramo executou unha obra que supuxo un investimento de  48.713 euros. Os traballos consistiron no arranxo da rega asfáltica e a substitución da capa de rodaxe do camiño que transita dende a estrada Santiago-Marrubio ata a localidade de Os Abeledos, ao longo de 1.600 metros de lonxitude.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitou esta mañá as obras acompañado polo alcalde de Montederramo, Antonio Rodríguez,  e polo xefe territorial da Consellería de Medio Rural e do Mar, Yago Borrajo e o xefe de servizo de Infraestruturas Agrarias, Enrique Alonso.

Rogelio Martínez remarcou que con “con estas iniciativas búscase dignificar e mellorar a calidade de vida da poboación que reside nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas zonas rurais”. O delegado territorial engadiu que as subvencións reguladas neste programa “están a contribuír á fixación da poboación e ó fomento da actividade económica destes lugares”.

Ademais, Martínez engadiu que “tódolos concellos da provincia levan executados grazas ao Plan Marco proxectos de mellora de infraestruturas rurais que supuxeron un investimento de preto de 3.600.000 euros”. Deste xeito, segundo apuntou o delegado, “a Xunta deixa patente, unha vez máis, o seu compromiso co desenvolvemento das poboacións rurais de Ourense”.

Marco Montederramo(1)