Medio Rural e Mar destina 5 millóns de euros a axudas para a incorporación de mozos á actividade agraria

Medio Rural e MarA Consellería do Medio Rural e do Mar destina 5 millóns de euros a axudas para a incorporación de mozos á actividade agraria. Esta orde de subvencións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, sae hoxe publicada no Diario Oficial de Galicia.

A incorporación da poboación moza e capacitada ás explotacións agrarias é unha das mellores vías para asegurar a súa competitividade e a continuidade do tecido agrario, polo que cómpre apoiar a primeira instalación das persoas mozas nas nosas explotacións.

Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias as persoas que non figuran nin figurasen inscritos como titulares de explotacións agrarias no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, que se instalen nunha explotación agraria prioritaria e que teñan cumpridos os 18 anos -e ser menor de 40 anos de idade- no momento da solicitude de axuda.

Así mesmo, deberán acadar a condición de agricultor profesional, posuír o nivel de capacitación profesional suficiente no intre da solicitude da axuda e instalarse nunha explotación agraria que requira un volume de traballo equivalente polo menos a unha UTA (Unidade de Traballo Agrario).

Tipo de axudas
A axuda á primeira instalación de agricultores mozos, dirixida a auxiliar gastos e investimentos derivados, poderá consistir nunha prima por explotación -cunha contía máxima de 20.000 euros-. Outra opción pode ser a bonificación de xuros -que poderá aplicarse sobre o xuro preferente na súa totalidade- por un importe non superior a 20.000 euros. Porén, ambas liñas non poderán superar os 48.000 euros nin o importe dos gastos e investimentos da instalación realizados.

También te podría gustar...