Medio Ambiente licita as obras da nova ponte sobre o río Miño que mellorará a calidade de vida e a competitividade turística da Ribeira Sacra

Cabecera-Diario-Oficial-Galicia_EDIIMA20121201_0107_13O Diario Oficial de Galicia publicou onte a licitación das obras para a construción dunha nova ponte sobre o río Miño, nos Peares, por un investimento de 2,78 millóns de euros (2.777.267,44). Esta actuación mellorará a mobilidade neste singular núcleo cuxa mobilidade están condicionada polos tres ríos que dividen a vila en catro concellos e dúas provincias, mellorando substancialmente a calidade de vida dos veciños así como a competitividade turística da Ribeira Sacra.

Concretamente, a nova infraestrutura vén solucionar o desprazamento entre os concellos de Nogueira de Ramuín e A Peroxa, o único que non se podía facer directamente, e para o que actualmente os vehículos deben empregar a coroación da presa dos Peares, o que supón un desprazamento de preto de 5 km. Deste xeito, a nova infraestrutura permitirá unha mellor accesibilidade á Ribeira Sacra, zona de enorme valor ambiental e potencial turístico.

A nova ponte será totalmente integrada na paisaxe, de alto valor nesta zona, e terá unha lonxitude de case 200 metros (193,60), con 5 vans e un taboleiro de 6,25 metros de largo, nos cales se disporán unha calzada de 5 metros para uso compartido de peóns e vehículos, dando prioridade ao uso peonil. De feito, o proxecto inclúe unha senda peonil de 330 m de lonxitude, que comunicará a nova ponte coas casas situadas augas arriba. Como medida compementaria de integración ambiental e paisaxística, o firme na estrutura alternará franxas de pavimento de formigón impreso con outras conformadas por lastras. Ademais, esta solución facilitará aos condutores a percepción de que se trata dun espazo con prioridade de paso para os peóns e impedirá que os vehículos alcancen velocidades elevadas.

A situación elixida tamén aproveitará a presenza dun paso inferior existente baixo a liña de ferrocarril Ourense-Monforte de Lemos, no contorno da estación, que será utilizado para comunicar a ponte proxectada coa rede viaria existente.

Plan de Actuación no Núcleo dos Peares
Esta nova ponte forma parte do Plan de Actuación no núcleo dos Peares que se iniciou o pasado 4 de agosto coa sinatura dun acordo de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e os catro concellos que conforman o núcleo (A Peroxa, Nogueira de Ramuín, Carballedo e Pantón). Neste documento planificase o investimento de 230.000 euros para a execución inmediata de sete actuacións en materia de augas e seguridade viaria.

No eido das infraestruturas hidráulicas, xa están en execución as obras para o abastecemento de auga a varios núcleos de Carballedo (O Vao, Igrexa, Cas de Moure e Ambasmestas). Ademais, executaranse os colectores de saneamento no barrio do Mesón, en Nogueira de Ramuín; e no barrio do Torrón, no municipio de Pantón; e tamén se construirá un depósito e acometida de auga para os núcleos do Coitelo e O Mesón, en Nogueira de Ramuín. O investimento en materia de augas acadará os 166.000 €.

Para a mellora da seguridade viaria, abordarase a construción dun itinerario peonil na marxe dereita da antiga N-120 ao seu paso pola vila do Mesón, en Nogueira de Ramuín, que conectará co planificado para a nova ponte; a ampliación do acceso viario ao camposanto de Casdevil; a construción dun aparcadoiro e dun miradoiro na zona do centro de saúde, no concello da Peroxa; e o acondicionamento dunha marxe da estrada da N-120 e a protección peonil na outra marxe, no Torrón, no municipio de Pantón. O importe global destas actuacións é de 60.000 euros.

También te podría gustar...