Manuel Baltar pide no Parlamento “un gran pacto demográfico” entre as forzas políticas, sociais, económicas e culturais de Galicia.

  • O presidente da Deputación de Ourense dixo onte na súa comparecencia na Comisión de Economía do Parlamento que urxen solucións fronte ao despoboamento, “as cales teñen que vir definidas pola política con maiúsculas, sen partidismos nin ideoloxizacións”
  • Propuxo tamén incrementar a cooperación entre o goberno autonómico e as deputacións na liña do iniciado polo presidente Feijóo, e que serviu, no que respecta a Ourense, para abordar o Plan Termal e investimentos en infraestruturas rurais e educativas
Manuel Baltar onte no Parlamento

Manuel Baltar onte no Parlamento

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, compareceu onte diante da Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para dar conta dos orzamentos da Deputación de Ourense para o ano 2016, sendo a primeira administración pública do Estado en aprobalos (o pasado 25 de setembro). Baltar pediu “un gran pacto demográfico entre todas as forzas políticas, sociais, económicas e culturais de Galicia; un pacto que debe vir definido pola política con maiúsculas, na que creo, afastada de ideoloxizacións e partidismos que son simplemente dribles e non visión a longo prazo”.

O presidente do goberno provincial propuxo tamén incrementar a cooperación entre o goberno autonómico e as deputacións galegas. “Cooperación na liña do iniciado polo presidente Feijóo e que serviu para que, no que respecta a Ourense, podamos falar logo destes anos, de cuestións abordadas conxuntamente como o Plan Termal Provincial, os investimentos do Plan de Camiños da Consellería de Medio Rural ou as pequenas obras en colexios da provincia, realizadas grazas ao esforzo da Consellería de Educación e a Deputación de Ourense”.

Manuel Baltar non deixou de lembrar as reivindicacións que expuxo en anteriores comparecencias parlamentarias, cal foron que o Parlamento inste ás Cortes Xerais do Estado para que modifique a Lei Electoral para que deputadas e deputados provinciais sexan elixidos directamente polas veciñas e veciños da provincia, “tal e como aprobamos unanimemente tódalas forzas políticas da Deputación de Ourense no Debate sobre o Estado da Provincia de novembro de 2014”; que as deputacións participen nos ingresos dos tributos da Comunidade Autónoma; que se concreten as competencias asumidas por cada nivel de goberno para evitar duplicidades, e finalmente que sexamos conscientes “do novo tempo do municipalismo español no que será obxectivo prioritario a reforma do financiamento local e a presenza do municipalismo no Consello de Política Fiscal e Financeira, retos que forman parte do escenario de futuro que esperamos na Federación Española de Municipios e Provincias, e falo como membro que son da súa Xunta de Goberno, elixida en setembro”, expresou.

Incremento orzamentario

En materia económica, Baltar afirmou que os orzamentos da Deputación de Ourense para 2016, que ascenden a 77.700.000 euros, “supoñen un incremento dun 2´63 % con respecto aos de 2015, na liña experimentada polos orzamentos de 2014 con respecto aos de 2013. Falan da recuperación da facenda provincial, e dunha redución da débeda que estaba no 116 % a un 32 % na actualidade e que será cero en maio de 2019”.

Tamén destacou que os orzamentos dan conta “do remanente de tesourería máis alto da historia da Deputación de Ourense, con 25 millóns de euros de 2014″; da redución da amortización da débeda nun 19,37 %, e da redución dos intereses financeiros orzamentados nun 81,87 %”.

A folla de ruta –explicou o presidente- é o Plan de estratexia e xestión operativa “Ourense 15-19”, “que era o programa electoral de quen lles fala, nas pasadas eleccións de maio. Porque ninguén se equivoca se di que o único presidente de deputación galega que quería selo -e o dixo antes da campaña electoral- foi este que lles fala. Aquí non houbo presidente por accidente nin presidente por comenencia, nin presidente sorpresa. Aquí houbo, e hai, un presidente que quería ser presidente, e que llo dixo ás veciñas e veciños, explicándolles que quería facer nos vindeiros catro anos, en que mes e en que ano, cada unha das 77 medidas do Plan Ourense 15-19”.

Manuel Baltar destacou que os orzamentos da Deputación de Ourense para 2016 “veñen marcados por unha aposta pola política e polos políticos. Por iso propuxen máis medios materiais e humanos e dedicacións para deputados, coa finalidade de facer un mellor traballo para facer mellor provincia. Medios e formación como o primeiro manual do deputado provincial de España, e con actividades formativas para os cargos públicos electos locais como a que mañá venres celebraremos no Pazo de Vilamarín: a primeira que sobre “Liderado Público” organiza a Fundación Democracia e Goberno Local, o think tank máis importante do municipalismo español”.

Plans

Baltar explicou que os orzamentos de 2016 “apostan polos catro plans de futuro que, agardamos, conten con financiamento comunitario, como tiven a oportunidade de reclamar en Bruxelas en decembro pasado na miña intervención no Comité das Rexións. Falo do Plan Termal Provincial, da Axencia Provincial da Enerxía e do Medio Ambiente, do Plan de Competitividade para as nosas pequenas e medianas empresas e a nosa vocación polo emprendemento, e do Plan “Ourense Provincia Intelixente”, absolutamente innovador”.

Por áreas, detallou que os orzamentos do goberno provincial ourensán sitúan á de infraestruturas (con 25.588.773 euros) á cabeza, seguida da de Administración Xeral (17.293.965 euros), Augas e Medio Ambiente (15.163.049 euros), Cultura e Deporte (8.405.489 euros) e Benestar (7.264.811 euros). Tamén subliñou que o orzamento do Inorde, o organismo autónomo, aumenta do 1.400.000 euros da anualidade 2015 aos 1.650.000 euros para 2016.

As prioridades do documento orzamentario da Deputación de Ourense en 2016 son os servizos sociais, o medio ambiente, a cooperación cos concellos e o cumprimento dos compromisos do Plan Ourense 15-19. “Un Plan que é coherente co Plan Ourense 92, do anterior mandato, baseado nas características do goberno provincial: social, con rigor económico, esencialmente cooperador, coa transparencia como liña estratéxica institucional e innovador administrativamente”.

Os obxectivos centrais destes orzamentos son, segundo Manuel Baltar, a defensa dunha visión integral de provincia e o desenvolvemento rural sostible.

“Seguimos a ser a única administración –afirmou Baltar- que contempla para todas as entidades locais da provincia -e falo tamén do Concello de Ourense e da entidade local menor de Berán- investimentos nos eidos das infraestruturas, do medio ambiente, da cultura e dos servizos sociais, con innovacións este ano como un Plan de empregabilidade para os concellos da provincia, co mesmo importe para todos eles con independencia da súa poboación: 10.000 euros por concello. Velaí o discurso do territorio e do equilibrio”.

Innovacións

Destacou como innovacións un Plan de apoio ás actividades da mocidade e o primeiro Plan de apoio á natalidade, “froito da preocupación demográfica existente, na liña do que despois anunciou a Xunta nos orzamentos que se están a debater nesta Cámara, sen esquecer a reivindicación do Pacto Demográfico, e seguir apostando pola execución do Plan Termal, coordinadamente co goberno autonómico, na provincia termal de España: Ourense”.

O presidente da deputación subliñou que os orzamentos contan con máis de 15,5 millóns de euros en investimentos produtivos, e que preparan “a profunda revisión da RPT da institución, da man da Dirección Xeral de RRHH e coa creación das dirección de área de Cultura e Deporte e de Transparencia e Goberno Aberto, única destas características no panorama dos gobernos provinciais do Estado”.

“Son, en definitiva, máis orzamentos para exercer as competencias propias e aquelas que nos deleguen os concellos, unhas competencias incluídas na Carta de Servizos, auténtico “menú” da administración que presido onde figuran as accións que desenvolvemos, dirixidas a concellos e cidadáns, e onde se establece o responsable da tramitación dos procedementos e os estándares de calidade esixidos, así como o tempo máximo de resolución de cada actuación”.

Manuel Baltar rematou a súa intervención destacando o posicionamento acadado pola Deputación de Ourense en organizacións e foros de debate nacionais e internacionais, entre os que citou a FEMP, a Fundación Democracia e Goberno Local, a Federación de Concellos con centrais hidroeléctricas, a Rede Europea de Gobernos Locais Intermedios (Partenalia), o South Summit, principal foro de empredemento mundial, ou o Seminario internacional sobre visión política e desenvolvemento territorial, celebrado hai uns días en Curitiba (Brasil), onde se expuxeron os modelos territoriais de Ourense, Bos Aires e Toronto.