X ‘Festival Arteficial’

  • Música, gastronomía e solidariedade, na décima edición do “Festival Arteficial”
  • A celebración terá lugar o vindeiro sábado, 3 de agosto, no conxunto histórico de Ribadavia
 

 

O festival alternativo, “Arteficial”, chega a súa décima edición, na que reunirá a 11 bandas o vindeiro sábado, 3 de setembro, no conxunto histórico de Ribadavia, en catro escenarios diferenciados, nos que ademais de música haberá espazo para a gastronomía, a recollida de alimentos e un mercado de sementes. A presentación desta iniciativa cultural tivo lugar onte no Pazo Provincial, na que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director artístico, a vicepresidenta e o vogal da asociación “Arteficial”, Manuel Araujo, Noelia Riveiro e Alberto Chousal, respectivamente.

A Deputación de Ourense colabora con este festival, “un evento cultural referente no mes de agosto ourensán, e no que se fai unha simbiose perfecta entre cultura e patrimonio” asegurou Rosendo Fernández. O vicepresidente da Deputación destacou o papel innovador deste festival “consolidado e puramente natural, feito por xente nova, que conta con numerosos patrocinadores, o que evidencia a importancia da cooperación público-privada, para levar a cabo este tipo de iniciativas que supoñen un elenco dinamizador para a súa comarca”.

O festival, que se desenvolverá desde as 12.00 horas e ao longo de todo o día, será gratuíto, e celebrarase en catro espazos do conxunto histórico da vila de Ribadavia, para poñer en valor o patrimonio do municipio. O escenario principal estará ubicado na praza Buján, haberá un escenario na rúa Progreso, outro dentro da Igrexa da Madalena, e por último, un escenario en fronte da antiga Igrexa da Madalena, explicou o director artístico de Arteficial.

En total, serán once as bandas encargadas de poñer música o vindeiro sábado, 3 de setembro, en Ribadavia, “con actuacións de música alternativa en todas as súas vertentes (pop, rock, electrónica…) para todos os públicos”, asegurou Manuel Araujo, quen destacou que este festival “forma parte das actividades que a asociación organiza ao longo do ano, e que xa é un referente no norte da Península, pola súa peculiaridade de mesturar un ambiente familiar, con outro máis nocturno, e que durante o día desenvolve diferentes actividades para distintos públicos”.

Nesta edición, o festival colabora coa Cruz Vermella do Ribeiro, “cun posto de recollida de alimentos non perecedoiros, situado no recinto do festival”, dixo Alberto Chousal. Outra das novidades deste ano é o “DespoisParty”, iniciativa a través da cal, diferentes locais de Ribadavia, continuarán coa festa coas actuacións de Dj´s de música alternativa. Para os máis cativos, desenvolveranse actividades e xogos, desde as 16.00 horas para os nenos de 2 a 5 anos, e a partir das 17.30 horas, para os nenos de máis de seis anos.

Durante a celebración tamén haberá un espazo dedicado á gastronomía, “que ofrecerá a posibilidade de degustar galeguesas, polbo e doces de San Paio”, dixo Noelia Riveiro, “así como un mercado de sementes con roupa vintage, bixutería, produtos artesanías, entre outros”, engadiu a vicepresidenta da asociación.

No relativo ao transporte, “haberá autobuses para vir ao festival desde as cidades de Ourense, Vigo e Santiago de Compostela, por seis, dez e doce euros, respectivamente”, afirmou Alberto Chousal.

 

 

También te podría gustar...