Manuel Baltar inaugurará en Santiago o foro que analiza o futuro do sector termal en Galicia

Manuel Baltar, na súa visita ás obras do Balneario de Cortegada

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, inaugurará o vindeiro mércores, 18 de febreiro, ás 9.00 horas, en Santiago de Compostela o foro no que se analizará o futuro do sector termal en Galicia. Terá lugar na Cidade da Cultura e abordaranse as estratexias de crecemento, a internacionalización do turismo termal galego, a innovación e a competitividade aplicada ao termalismo, ademais de presentar o Plan “Ourense, a provincia termal”.

Baixo o epígrafe “O sector termal galego. Estratexias de crecemento e retos de futuro”, no foro daranse cita expertos en termalismo, académicos e representantes institucionais, quen exporán as últimas novidades do sector termal así como as liñas estratéxicas de xestión e promoción do termalismo, que están a consolidar e potenciar a Galicia como o referente termal e sinaladamente á provincia de Ourense como destino singular de ocio e saúde termal.

Xunto a Manuel Baltar, quen ademais de titular da Deputación de Ourense é presidente do Consello Termal Ourensán, o acto de inauguración contará coa participación da directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro. Mario Crecente, redactor do Plan “Ourense, a provincia termal”, ofrecerá un relatorio para presentar dito plan; Alejandro Rubín, director xerente de Expourense, abordará o tema “Termatalia, motor da internacionalización para o turismo de saúde de Galicia”, e José Antonio Fraiz Brea, director do máster de Dirección e planificación de turismo Interior e de saúde da Universidade de Vigo, falará da coordinación e planificación no ámbito do termalismo.

O programa complétase cun relatorio sobre “Hidroloxía médica”, a cargo de Juan Jesús Gestal Otero, director da cátedra de Hidroloxía médica da Universidade de Santiago, e cunha mesa redonda na que se debaterá sobre os “Retos do turismo termal en Galicia. Innovación, calidade e competitividade como obxectivos”. Nesta mesa participarán José Luis Maestro Castiñeiras, director de Competitividade de Turismo de Galicia; Diego Otero Villaravib, presidente da Asociación galega de axencias de viaxes; Ramón Braña Cobas, director xeral de OCA Hotels; Antonio Freire Magariños, director da empresa Gala Termal; Argimiro Marnotes Rodríguez, alcalde do Carballiño e deputado provincia de Termalismo en Ourense, e María del Carmen Yáñez Salgado, alcaldesa de Lobios e presidente da sección de Vilas Termais da FEMP. Modera a mesa Benigno Amor Barreiro, xerente da Asociación de Balnearios de Galicia.

A clausura do foro correrá a cargo de Fernando Fraile García, director xeral do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) e de José Luis Maestro Castiñeiras, director de Competitividade de Turismo de Galicia.

Ourense, líder en termalismo

A Deputación de Ourense está a impulsar e liderar iniciativas de promoción, xestión e oferta de servizos conxuntamente coa Xunta de Galicia, como é o caso do Plan “Ourense, a provincia termal”, e tamén cos balnearios da provincia de Ourense. Precisamente, nesta liña de traballo o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e os representantes dos balnearios da provincia asinaron días pasados o «Convenio de colaboración para o fomento do termalismo saudable e a cultura termal» 2015, unha iniciativa que supón a posta en marcha do máis completo programa de España no que atinxe a ocio e saúde termal.

Este programa, cuxa convocatoria está xa aberta para os beneficiarios que desexen inscribirse, inclúe modalidades de estancias de 6 días ou de fins de semana nos cinco establecementos balnearios da provincia de Ourense: Arnoia, Laias e Lobios, pertencentes ao grupo Caldaria, e os de Baños de Molgas e O Carballiño, aos que se sumará en breve o Balneario de Cortegada. O programa tamén contempla tratamentos de termalismo, actividades culturais e «Viaxes termais» dende máis de 40 estacións de tren de diferentes comunidades autónomas, que inclúen prezos especiais nos billetes e traslados dende a estación de Ourense aos balnearios, ida e volta.

 

 

También te podría gustar...