Manuel Baltar e o delegado do Goberno en Galicia analizan temas de medio ambiente, infraestruturas e seguridade cidadá

1 2015 MB e S Villanueva

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial ao delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, quen realizou a súa primeira visita oficial á Deputación de Ourense. Seguridade cidadá, infraestruturas e proxectos medioambientais foron algúns dos temas que abordaron na xuntanza que supón, «a primeira visita dun delegado do Goberno en Galicia nado en Ourense, que coñece a problemática, as posibilidades e as potencialidades da provincia e, por suposto, que é un aliado do goberno provincial no desenvolvemento de políticas a prol de Ourense por parte do Goberno central», afirmou Manuel Baltar.

O presidente do goberno provincial agradeceu a sensibilidade e o interese que Santiago Villanueva amosa pola provincia de Ourense, «demostrados xa aos poucos días de tomar posesión do seu cargo -o 15 de novembro pasado- participando na constitución do Consello Termal Ourensán, representando á Administración Central do Estado, e confirmando a súa presenza tamén o 22 de marzo, Día Internacional da Auga, na próxima reunión dese consello, que terá lugar en Baños de Molgas».

Na xuntanza de hoxe, Santiago Villanueva asinou no Libro de Honra da Deputación de Ourense e analizou con Manuel Baltar as últimas actuacións da Administración Central nesta provincia en ámbitos medioambientais e de infraestruturas así como de seguridade cidadá. Villanueva tamén estivo presente hoxe xunto ao presidente provincial na sinatura do convenio para a mellora do saneamento de Laias (Cenlle).

Baltar destacou a excelente relación institucional existente con Santiago Villanueva, «con quen mantiven unha estreita colaboración cando estaba á fronte da Dirección Xeral de Emerxencias, froito da cal proximamente constituirase o Consorcio Provincial contra Incendios». «Agora ábrese unha nova canle de cooperación –engade Manuel Baltar- na que Ourense terá unha persoa que entende á perfección as nosas demandas, pois a cortesía co que se teñen que levar as relacións entre administracións ten un plus cando hai unha conexión persoal evidente e cando hai sensibilidade entre persoas que ocupan eses postos». A visita de hoxe é para o presidente provincial «unha mostra desa sensibilidade, e iso vaise traducir en beneficio para Ourense e os seus cidadáns».

También te podría gustar...