Manolo Durán: “levamos case un ano e medio sen aparecer en público”

  • Falamos co fundador de Abertal, a senlleira agrupación musical da Rúa que vén de converterse en asociación.
  • A formación musical ofrecerá un pasarrúas e unha actuación diante do Concello da Rúa para conmemorar o Día das Letras Galegas.

 

A “Escola de música e baile tradicional Abertal” nacía no ano 1989 por iniciativa de Manolo Durán, un rués orixinario dos Anguieiros que se embarcou neste proxecto tras o seu retorno da emigración en Barcelona.

Manolo xa tivera contacto coa música tradicional na cidade condal, concretamente na Asociación Toxos e Xestas, co cal traía unha base importante de coñecemento e unha paixón que botaba por fóra. Foi con esta enerxía e ilusión coas que tirou para adiante este proxecto, no que colaborou o Concello da Rúa e no que se sumaron alumnas e alumnos non só da Rúa se non tamén da contorna: O Barco, O Bolo, Viana, Trives, Manzaneda, Quiroga…

Abertal mantivo sempre unha defensa férrea e insobornable da música e os instrumentos tradicionais feitos por artesáns galegos

 

O proxecto, que mantivo sempre unha defensa férrea e insobornable da música e os instrumentos tradicionais feitos por artesáns galegos, non parou de medrar con actuacións por toda Galicia, a nivel nacional e incluso no estranxeiro, chegando a tocar en Portugal, Francia ou Inglaterra. Gañou prestixio e contou con grandes mestres como por exemplo Xaquín Xesteira ou Montse Rivera.

Este ano, no que será o seu 32 aniversario, Abertal convértese en ‘Asociación cultural e xuvenil’, tal como nos conta Manolo, que será o seu Presidente. Xunto a el, María Isabel Campos asume o posto de Secretaria, e Paula será a Tesoureira. Como vocais, quedan Adelaida e María Carmen.

Despois de anos pensándoo, este foi o definitivo para dar este paso e constituírse xuridicamente como asociación. “Teremos a mesma relación como ata agora co concello pero funcionaremos con máis autonomía”, comenta Manolo ao tempo que lembra que “o Concello da Rúa seguirá colaborando como ata agora, cunha achega anual e cedendo as instalacións que se empregan como local de ensaio na Casa da Cultura”.

Teremos a mesma relación como ata agora co concello pero funcionaremos con máis autonomía

 

Preguntámoslle tamén a Durán como foi o 2020, un ano marcado pola pandemia e moi negativo para as formacións musicais do pais. Dinos que intentaron manter a actividade e só pararon en momentos puntuais marcados polas restricións, “foise salvando o curso pero con menos alumnas e alumnos”. A previsión é que para o curso que vén se recupere a cousa, o alumnado e os futuros socios/as.

Agás no 2020, Abertal sempre celebrou na Rúa o Día das Letras Galegas, e este ano volverá facelo. A iniciativa deles, como de costume, e coa axuda na organización do concello, realizarán un pasarrúas e unha actuación diante da Casa do Concello o vindeiro luns, 17 de maio.

Xa había ganas de volver? –preguntámoslle a Manolo. “Levamos case un ano e medio sen aparecer en público”, é a súa contestación. Sen tempo non era, porque botando contas seica non actúan dende o Nadal de 2019, ano do seu XXX aniversario.

Agás o 2020, Abertal sempre celebrou na Rúa o Día das Letras Galegas, e este ano volverá facelo

 

 

Para rematar, pregúntolle a este “fillo adoptivo da Rúa” -dende o ano 2014- como leva a súa recente xubilación, xusto no ano da pandemia. Damos por feito que, liberado do seu oficio -construtor-, agora terá todo o tempo do mundo para dedicarlle a Abertal. Dinos que seguirá estando aí pero ten que deixarlle paso aos máis novos, e tamén nos explica que xa non impartirá clases. “As clases de gaita son cousa de Óscar Guerra, Xilda encargarase da percusión, Manuel do grupo de baile e Suso dará as clases de acordeón”, conclúe Durán.

También te podría gustar...