Máis de 30.000 persoas visitan a praia das Catedrais na primeira quincena de xullo, un 72% delas con reserva previa

Playa de las Catedrales

 

A principios deste mes de xullo comezaron a implantarse algunhas das medidas de protección contempladas no Plan de conservación do monumento natural das Catedrais. Este plan incluía, entre outras medidas, a limitación do número de persoas que poden acceder diariamente ao areal e a necesidade de facer unha reserva gratuíta previa á visita.

Co fin de coñecer a repercusión desta decisión nos establecementos de aloxamento da zona, Turismo de Galicia realizou unha sondaxe co obxectivo de medir o nivel de ocupación dos establecementos na primeira quincena do mes de xullo, As expectativas cara ao verán e a posible influenza que as medidas de protección puideran ter nos niveis de afluencia turística e ocupación dos propios establecementos. En particular, seleccionáronse para a mostra os hoteis, pensións, apartamentos turísticos, cámpings e establecementos de turismo rural dos concellos de Ribadeo, Barreiros, Viveiro e Foz.

Unha das principais cuestións detectadas nesta sondaxe foi a vinculación existente entre a visita á praia das Catedrais e os niveis de ocupación dos establecementos da zona. O 85% dos viaxeiros aloxados nos establecementos regrados dos catro concellos consultados visitou a praia das Catedrais durante a súa estadía nestes, situándose esta porcentaxe preto do 89% no concello de Ribadeo e no 77% en Viveiro.

Así mesmo, os datos reflicten que, durante a primeira quincena de xullo, un total de 30.209 persoas visitaron a praia das Catedrais, un 72% delas con reserva previa.

Neste senso, tres de cada catro establecementos consultados sinala que as medidas de restrición de acceso implantadas na praia das Catedrais non están a afectar aos seus resultados de afluencia e ocupación. En termos comparativos son os establecementos de Viveiro e Foz os que se perciben menos afectados polas medidas implantadas –así o sinalan o 90% e 80% dos mesmos, respectivamente-.