A produtora galega SocialDocs inicia na Ribeira Sacra a rodaxe da longametraxe documental ‘O desafío do Sil’

Ribeira SacraA produtora galega SocialDocs presentou hoxe no Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil o inicio da rodaxe ‘O desafío do Sil’, unha longametraxe documental baseada nos logros acadados pola empresa Saltos de Sil como referencia da enxeñaría internacional a mediados do século XX. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participa no financiamento desta nova película que dirixirá Domingo Díaz.

A filmación, que se desenvolverá en distintas épocas do ano e en varias localizacións da Ribeira Sacra, dará forma a un proxecto baseado no libro ‘A construción dos Saltos do Sil 1945-1965’, de Susana Chávarri e conta tamén co apoio da Deputación de Ourense, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, o concello de Petín e Iberdrola.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, compartiu con Domingo Díaz e cos representantes das entidades colaboradoras a presentación dos traballos e contidos de ‘O desafío do Sil’, para a que se escolleu como punto de encontro o simbólico enclave do mosteiro de Nogueira de Ramuín, e onde se proxectaron unhas imaxes do documental de 1964 ‘Por la cuenca del Sil’.

Axuda a 22 títulos en 2 anos
Na súa intervención, Jacobo Sutil fixo referencia á axuda continuada da Xunta de Galicia á produción audiovisual galega, a través da que nos últimos dous anos subvencionáronse un total de 22 títulos e se adxudicaron máis de 3 millóns de euros. Lembrou, así mesmo, que estas subvencións constitúen a principal liña de investimento no marco do programa xeral de axudas ao sector, un plan integrado de actuación polo que tamén se presta apoio a proxectos en fase de desenvolvemento, á promoción de talentos emerxentes ou á celebración de festivais cinematográficos.

Sobre ‘O desafío do Sil’, expresou que constituirá unha nova oportunidade para que os galegos expresemos a nosa cultura e amosemos a beleza da nosa terra desde nós mesmos e para que o fagamos para o goce de todos os espectadores. “Neste caso, ademais, situando como protagonista esta zona xeográfica tan especial da Ribeira Sacra no momento crucial anterior a que sexa declarado BIC (Ben de Interese Cultural), paso previo ao seu recoñecemento como Patrimonio da Humanidade pola Unesco”, engadiu.

Proeza industrial e social
O documental, con guión de Domingo Díaz e Gabriela Amor, está baseado na historia de Saltos do Sil, unha empresa que xorde no ano 1945 formada por un grupo de novos enxeñeiros que foron capaces de construír presas pioneiras en Europa.

Os traballos foron moi complicados pola escaseza de medios e pola dificultades de acceso aos lugares que acollían a actividade, mais acadaron consolidar unha compañía referente polos seus logros industriais e sociais, ao tempo que a súa presenza supuxo un cambio radical para os habitantes da zona, ao introducir salarios fixos e beneficios sociais nunha sociedade marcadamente rural.

A película porá en valor o esforzo, a perseveranza o traballo en equipo deses homes, que conseguiron facer proezas de enxeñería e levar a modernidade a todos os lugares polos que pasaron.