• Máis de 3.500 persoas estudan portugués en Galicia ao abeiro do cumprimento da Lei Paz-Andrade
  • O secretario xeral de Política Lingüística compareceu no Parlamento para presentar os datos do informe de seguimento desta lei, tal e como a propia normativa establece
  • Valentín García explicou que Galicia é xa candidata firme a formar parte da Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP)

 

20160502032104!Bandeira_CPLP.svgMáis de 3.500 persoas estudan portugués en Galicia ao abeiro das medidas postas en marcha pola Xunta de Galicia en prol do cumprimento da Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e para afondar nos vínculos coa lusofonía, coñecida como Lei Paz-Andrade. Así o explicou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que compareceu na Comisión 4ª do Parlamento para dar conta do informe de seguimento do cumprimento desta lei, que o propio texto lexislativo establece no seu artigo 5º. Durante a súa intervención, Valentín García explicou, ademais, que na última xuntanza da Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP) foille transmitido que Galicia é candidata firme a formar parte desta organización do máximo nivel no ámbito da Lusofonía.

Respecto da posibilidade de estudar portugués, Valentín García sinalou que no curso 15/16 a materia de Lingua Portuguesa –como segundo idioma estranxeiro– impártese en 60 centros e é cursada por 1.700 alumnos, o que supón case o dobre ca no ano académico anterior, tanto en número de centros como de estudantes. Así mesmo, e ao abeiro do programa de lingua e cultura portuguesa desenvolvido en colaboración co Instituto Camôes, estase apoiando o ensino-aprendizaxe da lingua portuguesa en 10 centros educativos galegos para 495 alumnos e alumnos. Ademais, neste momento 4 centros educativos imparten un total de 8 sección bilingües en portugués, o que supón arredor de 200 alumnos. Por outra banda, 1.127 alumnos e alumnas cursan esta lingua nas Escolas Oficiais de Idiomas (EOI). Cómpre sinalar que este proceso de ensino-aprendizaxe está apoiado por 4 auxiliares de conversa, que no vindeiro curso 2016/2017 serán 6.
Obradoiros de achegamento

A Secretaría Xeral de Política Lingüística desenvolveu ademais o pasado ano quince obradoiros presenciais de achegamento á lingua portuguesa a través do galego, baixo o título “Falamos galego, sabemos portugués”. A actividade estivo dirixida a mozos e mozas de 3º da ESO a 2º de bacharelato, en grupos de menos de 40 alumnos. Participaron aproximadamente 600 alumnos e alumnas de 15 centros públicos de educación secundaria das provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra, ademais dos participantes na provincia de Lugo nos correspondentes obradoiros promovidos pola súa Deputación.
Fóra xa do sistema educativo, a Escola Galega de Administración Pública oferta 200 prazas este ano en teleformación en lingua portuguesa, as mesmas que están previstas para o curso 2017. Asemade, o curso EMPORT, coordinado pola Consellería de Cultura e Educación e no que traballaron un grupo de universidades e empresas internacionais, tivo como obxecto a elaboración dun curso multimedia para a aprendizaxe da lingua portuguesa para os negocios; unha ferramenta que tamén foi presentada á comunidade educativa. A información completa ao respecto atópase dispoñible no enderezo electrónico http://www.learningportuguese.eu/gl
Formación do profesorado
Ademais de cara ao alumnado, a Consellería está a intensificar as súas accións en materia de formación do profesorado na lingua lusa. Deste xeito o profesorado galego pode formarse nos Centros de Formación e Recursos; así como a través do programa PILAE, que oferta un curso de lingua portuguesa de 2 semanas de duración en Portugal e unha actividade de integración de 4 semanas.

O proxecto KA1 Erasmus+ Importa brinda, así mesmo, a oportunidade a 15 docentes de Portugués para participar nunha mobilidade a Lisboa, e nun curso do instituto Camôes. A actividade realizarase en xullo de 2016. Previamente, os docentes tiveron que realizar o curso Platega Importa que foi ofertado para un maior aproveitamento da actividade a outros docentes de portugués de Galicia. Trátase dun proxecto para incrementar a competencia lingüística e metodolóxica do ensino en lingua portuguesa do profesorado, no marco dun proxecto europeo no que participan cinco institutos de educación secundaria pioneiros no ensino da lingua portuguesa en Galicia: os IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago, o IES de Cacheiras de Teo, o IES Félix Muriel de Rianxo, o IES María Soliño de Cangas e o IES de Valga.

Solicitudes para o vindeiro ano
Entre os obxectivos para o vindeiro curso 2016/2017, a Consellería ten previsto incrementar a presenza do portugués na formación do profesorado. Deste xeito, continuarase co Importa e impartiranse Cursos de actualización Lingüística e Comunicativa (CALC) en lingua portuguesa para promover a cualificación lingüística do profesorado nesta lingua, tanto para impartir a materia de lingua portuguesa, como para impartir Seccións Bilingües. Neste sentido tamén está previsto reforzar a oferta de lingua portuguesa no programa PIALE, e fomentar as licenzas por formación do profesorado para a creación de cursos en liña e materiais en portugués.
Asemade, no ámbito da cooperación co Instituto Camôes, solicitouse incrementar o número de docentes de apoio dentro do Programa de Lingua e Cultura Portuguesa para o próximo curso, incrementando o número de docentes e facendo extensible a dispoñibilidade de profesores de portugués á provincia de Lugo; ademais de iniciar novas accións como a oferta de actividades culturais relacionadas coa promoción do portugués, de itinerarios para a formación certificada dos docentes ou a capacitación en lingua portuguesa en liña, en colaboración tamén coa Universidade Aberta de Lisboa.
Iniciativas no eido da cultura

No ámbito da cultura, Valentín García tamén recordou o Memorando de Entendemento asinado entre a Consellería e a Dirección Rexional de Cultura do Norte e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal o pasado ano, a través do que se fixeron posibles iniciativas como a colaboración entre o Centro Dramático Galego e o Teatro Nacional Dona María II de Lisboa para estrear en Galicia a obra portuguesa ‘Xardín suspenso’ e, ao mesmo tempo, levar o espectáculo galego ‘Saxo tenor’ á capital do país veciño; ou para o desenvolvemento do Proxecto Nós Territorio Es(cénico) Portugal Galicia, entre outros.

Igualmente, entre un amplo catálogo de proxectos, desenvólvense iniciativas do eido do audiovisual, cos Encontros de Coprodución Audiovisual Portugal Galicia, que celebran en 2016 a súa segunda edición; na música, co intercambio entre a Rede Galega de Música ao Vivo e o circuíto portugués Outonalidades; ou a literatura, con iniciativas como o proxecto Escritores do Norte, que se concretará na realización de rutas literarias e turísticas pola xeografía vital de tres autores especialmente representativos para as culturas galega e portuguesa, na publicación dunha obra de cada autor no idioma da outra parte e na creación dun portal dixital de difusión cultural.

Así mesmo desde o ano 2015 desenvólvese a iniciativa das Conversas Nortear, que se completa co Premio Literario “Nortear” para a mocidade escritora de Galicia e do norte de Portugal, dotado economicamente con 2.000 euros e coa publicación da obra gañadora en versión bilingüe, é dicir, en galego e portugués. Tamén existiu unha colaboración directa en festivais luso – galaicos como Cantos na Maré ou o 25º Aniversario de Ponte nas Ondas.
Un lugar destacado ocúpao o acordo alcanzado entre a Radio Televisión de Portugal (RTP) e a CRTVG que será a rodaxe da primeira serie coproducida entre as dúas: “Vidago Palace”.

Fomento das relacións
No ámbito da promoción das relacións económicas, García Gómez explicou varias iniciativas, entre as que destacan a sinatura o 30 de xaneiro de 2016, por parte do vicepresidente da Xunta, dun Memorando de Entendemento coa Ministra de Turismo, Investimentos e Desenvolvemento Empresarial da República de Cabo Verde en materias como pesca, medio ambiente, turismo e educación. Un dos alicerces deste Memorando foi precisamente a Lei 1/2014, como se recolle xa na parte expositiva.
Por outra banda, tivo especial relevancia a Candidatura no marco do Programa Interreg VA, España-Portugal (POCTEP 2014-20) presentada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para a recolección e difusión do patrimonio colectivo da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.