Presentada a XIX edición da «Feira do Pemento» de Oímbra

  • A XIX «Feira do Pemento» de Oímbra, escaparate do produto estrela do municipio
  • Esta celebración gastronómica declarada Festa de Interese Turístico Galega, terá lugar o vindeiro domingo, 7 de agosto
Manuel Baltar e Ana Villarino

Manuel Baltar e Ana Villarino

 

A XIX edición da «Feira do Pemento» de Oímbra será o escaparate deste produto esencial na economía do municipio, e de outros alimentos típicos da gastronomía galega, que xunto a artesanía popular, serán os protagonistas da celebración o vindeiro domingo, 7 de agosto. A presentación desta celebración declarada Festa de Interese Turístico Galega, tivo lugar onte no Centro Cultural «Marcos Valcárcel», acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a alcaldesa do Concello de Oímbra, Ana Villarino.

Manuel Baltar salientou que se trata «dunha festa consagrada que pon en valor un dos produtos senlleiros da nosa gastronomía, pois o pemento é un dos produtos estrela do noso sector agroalimentario».

O presidente da Deputación de Ourense felicitou ao Concello de Oímbra porque «a festa é o espello de todo o traballo que se fai durante todo o ano», e engadiu, «a celebración sitúase nun enclave onde se pode ver a harmonía natural da paisaxe coas últimas infraestruturas que o Concello puxo a disposición dos veciños, tanto as piscinas como o pavillón, lugar que nos últimos anos acolle esta festa para a comodidade de todos os asistentes».

Esta Feira do Pemento é «unha festa completa que non se cingue só á degustación senón tamén á exposición de produtos típicos da provincia. Trátase dun concello que ten un peso específico dentro da Denominación de Orixe vitivinícola de Monterrei e, esta festa fará de Oímbra unha capital gastronómica», destacou Manuel Baltar.

Pola súa banda, a alcaldesa de Oímbra explicou que o obxectivo desta festa é «ensalzar o pemento de Oímbra, o rei da nosa horta, que conta desde hai dous anos con Indicación Xeográfica Protexida Pemento de Oímbra. Tratamos de poñer a nosa horta, e particularmente o pemento, como un eixo vertebrador da economía do noso concello eminentemente rural, onde temos numerosos agricultores que viven da agricultura, do pemento e do viño, de xeito prioritario ou como complemento de rendas de outro tipo de actividades».

A programación desta festa comeza ás 11.00 horas co pasarrúas a cargo da Banda de Gaitas de Oímbra. Ás 12.00 horas será a quenda para o concurso de pratos de cociña, onde o ingrediente principal será o pemento. Asemade «desde o ano 2009, publicamos o recetario das recetas participantes no ano anterior. Todos os anos andan preto de 30 recetas e non se repiten», dixo Ana Villarino.

A comida popular celebrarase ás 14.00 horas no pavillón municipal, «que para asistir á mesma hai que retirar con anterioridade unha entrada na Casa do Concello ou nos bares da localidade» explicou a alcaldesa de Oímbra. Durante toda a tarde haberá animación musical a cargo dos Gaiteiros de Oímbra, dunha discomobil e da charanga Támega. Ademais de música, ao longo de todo o día haberá stands nos que se expoñerán pementos, maquinaria agrícola, artesanía, entre outros produtos. E, para os máis cativos, haberá inchables e xogos tradicionais.

Presentación da XIX Feira do Pemento de Oímbra

Presentación da XIX Feira do Pemento de Oímbra

También te podría gustar...