Máis de 208.000 € para mellorar trece rúas de Monforte

  • O Concello contrata a mellora de trece rúas de Monforte
  • O Alcalde, José Tomé Roca, deu a coñecer hoxe en rolda de prensa este proxecto de mellora para un importante número de rúas, repartidas polo conxunto da cidade.
  • As obras van ser contratadas nesta semana ás empresas ACOVAL e OVISA, cunha inversión total de 208.400,62 euros.
Tomé na rolda de prensa

 

O Alcalde, José Tomé Roca, presentou hoxe ante os medios de comunicación un proxecto que suporá a mellora de 13 rúas da cidade de Monforte.

É este un conxunto de obras repartidas por toda a cidade que contarán cunha inversión total de 208.400,62 euros. O Alcalde salientou, neste senso, que “tal como habíamos anunciado recentemente, unha vez superado o estado de alarma e publicado hoxe no Boletín Oficial da Provincia de Lugo a incorporación definitiva de remanentes, o Concello reactiva a construción de obras e de servizos públicos, o que vai supoñer un estímulo máis para a economía monfortina”.

“Deste xeito” continuou o rexedor municipal, “o Concello reactiva os procedementos de licitación para contratar obras, servizos e subministros públicos para seguir mellorando Monforte tal como vimos facendo dende que chegamos ó Goberno fai 5 anos, e que seguiremos facendo para cumprir o compromiso que temos con todos os monfortinos. Hoxe o que queremos é presentar os proxectos de mellora de 13 rúas da cidade para seguir avanzando no obxectivo que teño como Alcalde para facer unha cidade máis atractiva e máis agradable para vivir todos os monfortinos”.

Durante o estado de alarma, o Alcalde recordou que Concello de Monforte sacou adiante 2 plans moi importantes para o conxunto dos veciños e das veciñas de Monforte. Trátase do Plan Reactiva Monforte, para axuda a empresas, autónomos e traballadores por 1,4 millóns de euros, e do Plan de Apoio a Familias e Sectores Económicos, que inxecta outros 500.000 euros nas unidades familiares e en todos os sectores económicos, de comercio, hostalería, de servizos e profesionais. Estes 2 plans no seu conxunto suman preto de 2 millóns de euros.  

 

  • Obras de mellora de 13 rúas de Monforte

Deste xeito, as obras que se contratarán nesta mesma semana e que darán comezo no mes de xullo son as seguintes:

Rúa Alfredo Brañas

Esta rúa conecta a estrada de Castro Caldelas coa entrada das instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (antiga Escola de Capacitación Agraria).Será dotada dunha capa de aglomerado en quente e levantamento de arquetas de sumidoiros. Esta rúa ten aproximadamente 6 metros de ancho e unha lonxitude de 3,5 metros lineais.

Rúa Lois Pereiro

A actuación na rúa Lois Pereiro vaise realizar no treito que discorre dende a desembocadura da rúa Otero Pedrayo ata o final da mesma, por ter un firme de cemento bastante deteriorado, o que vai ser dotado dunha nova capa de rodadura de aglomerado en quente e que tamén será sinalizado novamente levando a cabo tamén unha ordenación dos estacionamentos, para tratar de aproveitar mellor o espazo e aumentar as prazas destinadas a vehículos de motor.

No treito da rúa Lois Pereiro que se atopa entre Otero Pedrayo e Avenida de Galicia non se vai actuar nel porque o firme está en bon estado sendo actualmente de formigón pulido.

Rúa Travesía Lois Pereiro-Miguel de Cervantes

Nesta rúa estreita que une Lois Pereiro con Miguel de Cervantes tamén será dotada dunha capa de aglomerado en quente, tendo na actualidade un firme de riego asfáltico con desprendemento de gravilla e realizarase tamén unha alineación nas hortas que se atopan na parte central desta rúa.

Rúa Lemavos

A rúa Lemavos discorre dende a rúa Chantada, onde se atopa un pequeno parque infantil, e da servizo a todas as casas diseminadas que se atopan nos terreos rústicos das traseiras da rúa Chantada. Polo tanto, arranxarase este camiño dende a rúa Chantada ata a última vivenda, producíndose unha pequena ampliación da plataforma para despois ser dotada dunha capa de rodadura de aglomerado en quente e sinalada horizontalmente.

Rúa Alonso Ríos

Esta rúa vai dende a rúa Chantada, despois da rotonda do Hórreo, ata o Barrio do Fabeiro. Será dotada dun firme novo con aglomerado en quente.

O Barrio do Fabeiro xa foi arranxado fai algo máis dun ano e con esta obra mellóranse por completo todas as rúas que entran e saen do Barrio do Fabeiro.

Ó conxunto destas 5 rúas citadas vanlle ser contratadas nesta mesma semana á empresa ACOVAL, por un importe de 84.546,78 euros.

Rúa de As Cruces

Esta obra consiste no arranxo da rúa central do Barrio de As Cruces, que vai dende o cruce do transformador que está situado ó lado da vía do Ferrocarril, pasando polo centro do barrio ata as últimas vivendas, onde empeza a pista que sae cara Rioseco, que xa foi arranxada fai algo máis dun ano.

Os outros viais que chegan ou saen do Barrio de As Cruces xa foron mellorados todos: estrada da Cerámica do Castelo, rúa Figueira Valverde, saída cara Valle-Inclán e saída cara as vivendas da RENFE de Rioseco, que en estes dous últimos casos seguen o curso do Ferrocarril.

Nesta obra de arranxo do centro de As Cruces vaise ampliar a plataforma da rúa nalgúns sitios para que permita o cruce de 2 vehículos con comodidade e seguidamente será dotada dunha capa de rodadura de aglomerado en quente, rematando as obras coa subida de tapas e sinalización horizontal.

Praza do Concello

Con esta obra procederase a reparar a pavimentación e os acabados da Praza do Concello e do seu entorno, que inclúen as losetas dos muros que rodean á Praza, así como dos asentos que se atopan na parte frontal e lateral da Praza do Concello, que se foron desprendendo, rompendo ou agrietando debido a algún tipo de repisa que se pode observar a día de hoxe. Con esta actuación melloramos o servizo que presta este asento fronto-lateral do Concello que é usado a diario por un bo número de persoas cando o tempo o permite.

Rúa Central

A rúa Central será dotada dunha capa de rodadura de aglomerado en quente e unha nova sinalización dende a rúa Roberto Baamonde ata as proximidades do Ferrocarril, dado que se trata dunha rúa sen saída.

Rúa Historiador Germán Vázquez

A rúa Historiador Germán Vázquez tamén será dotada dunha nova capa de rodadura de aglomerado en quente dende a rúa Central ata a rúa da Estrela, e aproveitaremos as obras para unha nova reordenación do tráfico importante na zona que será dado a coñecer nos próximos días.

Renovada xa a rúa da Estrela, Molinos de Antero, Benito Vicetto, lateral do Ferrocarril, e co arranxo destas dúas rúas, como son a rúa Central e a rúa Historiador Germán Vázquez, completamos a mellora de toda esa zona da cidade.

Rúa Poeta Noriega Varela

Trátase de dotar dunha nova pavimentación á rúa Poeta Noriega Varela, que na actualidade é de formigón deteriorado con moitas irregularidades e brandóns, e que se pretenden corrixir con esta actuación.

A rúa Poeta Noriega Varela, discurre dende a rúa Doutor López Suárez, preto do bar Morín, e discurre ata a rúa Emilia Pardo Bazán, xunto ó xardín da ronda e do paso de Rioseco.

Coa mellora desta rúa tamén se completa a renovación do pavimento de todas as rúas dese Barrio da Estación.

Rúa Severo Ochoa

Esta é unha rúa sen saída, que se inicia na rúa Concepción Arenal, máis ou menos na metade da mesma, e que discurre ata a traseira do Parque Doutor López Suárez.

Na actualidade, o pavimento desta rúa é de riego asfáltico con desprendemento de gravilla e grava, e vai pasar a ter aglomerado en quente. Esta rúa levaba sen ningún tipo de mellora dende que se fixo fai moitos anos o firme con riego asfáltico, non tendo ningún tipo de reparación dende entón.

Rúa Castelao-marxe dereita

Proxéctase dotar de firme a travesía da rúa Castelao na marxe dereita que discurre ó lado da vía do Ferrocarril ata a travesía do Reboredo que desemboca na plazuela que hai fronte á carnicería Víctor Manuel. Neste momento, o firme que ten é de terra, o que obriga a retirar a capa de terra vexetal para dotala despois de macadam (grava) e posteriormente depositar a capa de aglomerado en quente coa súa correspondente sinalización horizontal.

Deste xeito, a rúa Castelao vai ter dobre saída, xa que agora ten saída pola marxe esquerda uníndose á rúa Francisco Moure, e despois de feitas estas obras, tamén se poderá saír cara o Reboredo.

Segunda Travesía do Reboredo

Trátase de dotar dunha nova capa de aglomerado en quente dende a travesía do Reboredo ata o fondo das vivendas, que xa ten firme asfáltico deteriorado e con afundimentos que forman charcos cando chove, e con esta obra imos aproveitar para regularizar a rasante co novo firme.

Loxicamente todas as rúas nas que se van realizar estas obras levarán consigo tamén o levantamento de tapas de rexistro de saneamento, de auga ou de sumidoiros que se atopen en cada unha delas.

Ó conxunto destas 8 rúas vanlle ser contratadas esta mesma semana á empresa OVISA, por un importe de 123.853,84 euros.

 

O Alcalde concluíu a súa intervención resaltando que “as obras que imos a realizar nestas 13 rúas están repartidas polo conxunto da cidade e supón unha inversión total sumando os contratos das dúas empresas que ascende a 208.400,62 euros. Nos vindeiros días, daremos a coñecer novas actuacións en arranxo de rúas, en melloras de parques e xardíns, en melloras de urbanización e melloras de iluminación”.