Lucía, de Artesanía do Caurel: “Estou namorada coa web e co logotipo”

  • Despois dun ano espectacular de traballo, esta artesá decidiu investir en imaxe coa renovación da web e a creación dun signo distintivo.
  • Tres son os elementos que identifican o seu proxecto persoal, e que se reflicten no logotipo que vén de estrear: artesanía, paisaxe e inspiración.
  • A nova web non dispón de tenda virtual para non perder o trato directo da artista cos clientes no proceso de personalización dos encargos.

Lucía Seoane é unha emprendedora que leva pouco máis dun ano traballando como artesá da madeira en Santa Eufemia, unha fermosa aldea de Folgoso do Courel rodeada de soutos. En novembro de 2019 comezaba esta aventura e poucos meses despois chegaba a pandemia, pero aínda así para ela foi un ano boísimo, “expandinme moito e o Nadal foi espectacular… estou moi sorprendida co que conseguín nun ano”, dinos chea de entusiasmo.

Como adoita pasar, as primeiras vendas foron a coñecidos/as e xente próxima a estes pero despois foron chegando encargos de toda Galicia e incluso de fóra, de cidades como Granada, Sevilla, Barcelona e incluso Francia.

En pouco máis dun ano viu como foi medrando o negocio e a súa propia popularidade, con moita proxección nas redes sociais. Manéxase moi ben e faino a través de varios perfís en Facebook e Instagram. Pero non queda aí a cousa, diferentes publicacións en prensa e incluso a TVG -programa ‘Cos pés na terra’- deron conta ao longo destes meses do seu proxecto e da súa historia persoal.

 
POPULARIDADE E REDES SOCIAIS

En relación a esta sona que está gañando, comenta Lucía que xa lle ten pasado de cruzarse con xente pola rúa que lle din “ostrá, ti es Lucía de Santa Eufemia”. E tamén nos conta unha curiosa anécdota. “O ano pasado, no verán, perdéronse unhas chaves en Monforte e levaban un chaveiro que fixera eu. Puxéronas no Facebook para ver se aparecía o dono ou a dona delas e a min chegáronme unha chea de mensaxes de xente ao recoñecer que o chaveiro era un traballo meu. Lembraba a quen lle fixera o chaveiro e contactei con ela para comentarlle o das chaves. A dona non se dera conta aínda de que as perdera e púxena en contacto coa persoa que as atopou”.

Preguntámoslle con certa retranca polo seu ou a súa Community Manager vendo o ben xestionadas que están as redes sociais e confésanos que é ela a que se encarga de todo. “Busco e leo moito para saber dinamizar as redes sociais, libros e titoriais de marketing… pásome moitas horas pola noite documentándome para aprender”, dinos Lucía.

A súa historia persoal de apostar polo rural para emprender facendo o que máis lle gusta, amosando o bo e o non tan bo de vivir nas aldeas, reflicte valentía e autenticidade e pode servir de exemplo para outras persoas. De aquí parte, en gran medida, a repercusión que está alcanzando ata agora a súa imaxe e o seu traballo.

‘RENOVARSE OU MORRER’

Esta emprendedora do Courel, consciente da importancia da imaxe e da comunicación para afianzar a súa marca, deu outro paso importante neste sentido: renovar a súa páxina web https://artesaniadocaurel.es/ e crear un logo.

No que respecta ao logotipo, tres son os elementos que o compoñen e caracterizan: artesanía, paisaxe e inspiración.

Artesanía que se realiza da paisaxe, Paisaxe que se desfruta como método de inspiración e Inspiración que transformamos na nosa artesanía.

En palabras da propia Lucía: “Este proxecto de artesanía nace nun entorno natural e único como é o Caurel, no que busco mediante a experiencia paisaxística crear pezas únicas no obradoiro. O tronco, para ser máis exactos un tocón, é o elemento característico da artesanía que se realizaba na zona. Dende ben cativa vivín con veciños carpinteiros, zoqueiros e algún que outro ferreiro.
Rodeado de follas e liñas expansivas para revelar o elemento principal como fonte de inspiración. Unha simbiose da contorna que me rodea e me inspira día a día. As letras, grosas que simulan o efecto da corteza do tronco
.

A web que vén de estrear achéganos á historia persoal desta artesá, ás súas motivacións para iniciar este proxecto e serve tamén de escaparate para ver os traballos que realiza. O que resulta curioso é que non ten tenda online. Contempla un catálogo de produtos á venda pero sen posibilidade de mercalos directamente dende a páxina; para realizar a compra hai que contactar coa propia artista e formalizar o pago, a través de Bizum ou por transferencia, co traballo rematado e previo ao envío. “Quero o contacto directo co cliente e manter unha atención personalizada no proceso de elaboración. Que cada encargo colla forma a partir da comunicación co cliente”, afirma Lucía.

En relación ao resultado final quedámonos coa satisfacción da nosa protagonista:

Estou namorada coa web e co logotipo

 

 

 

 

También te podría gustar...