Limpeza da Ponte Medieval de Monforte 

  • O Concello informa do inicio dos traballos de limpeza da Ponte Medieval de Monforte 
  • As tarefas obrigarán a cortar o tráfico de vehículos e de peóns sobre a ponte medieval durante toda a mañá de hoxe martes 15 de xuño, dende as 7:30 horas ata o remate dos traballos ó mediodía
  • O Alcalde salienta que “a limpeza e o axeitado mantemento deste Ben de Interese Cultural é unha das actuacións que este goberno municipal contemplou dende que iniciamos o noso mandato”

 

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa de que a Brigada Municipal de Parques e Xardíns do Concello vai proceder hoxe martes, 15 de xuño, a acometer os traballos de limpeza da vexetación superficial que se foi acumulando nestes últimos meses na Ponte Medieval. En concreto, as tarefas van consistir no corte da maleza e limpeza das herbas, co obxectivo de  resaltar a beleza do monumento.

Para a realización destes traballos, que se prolongarán durante toda a mañá, vai ser necesario empregar un guindastre. Por este motivo, os vehículos e os peóns non van poder pasar sobre a Ponte e a policía local manterá cortado o acceso toda a mañá, concretamente dende as 7:30 horas e a partir das 8 horas darán comezo os mencionados traballos de limpeza.

O Alcalde salienta que “a limpeza e o axeitado mantemento deste Ben de Interese Cultural é unha das actuacións que este goberno municipal contemplou dende que iniciamos o noso mandato. A Ponte Medieval é un monumento que forma parte da imaxe da nosa cidade e por iso debemos mantela nas mellores condicións, co obxectivo de que no futuro sexa peonil para o disfrute dos monfortinos e turistas que nos visitan”.

Neste senso, o mandatario municipal subliñou que “cando a Nova Ponte do Malecón sobre o Río Cabe sexa unha realidade no horizonte de este mandato, a Ponte Vella, pasará a ser peonil, para conservar o monumento, para o disfrute da xente e para contemplar placidamente a paisaxe río arriba e río abaixo sen o agobio dos coches.”