• Multitudinaria despedida da capital de Ourense á “Vuelta” 2016
  • Miles de espectadores achegáronse aos arredores do Parque de San Lázaro para vivir en directo a saída da segunda etapa da proba ciclista

Vuelta2 210816

 

A capital de Ourense viviu hoxe unha xornada histórica, coa saída da segunda etapa da “Vuelta a España” 2016 (primeira etapa en liña), na que os corredores percorrerán un total de 160 quilómetros entre Ourense e Baiona. Miles de espectadores achegáronse aos arredores do Parque de San Lázaro para vivir en directo este espectáculo deportivo, un evento que non defraudou á multitudinaria presenza de ourensáns que puideron gozar do desplegue promocional e deportivo da “Vuelta”, con propostas gastronómicas, merchandising e sobre todo co protagonismo dos mellores ciclistas do mundo, que tomaron hoxe a saída en Ourense.

Contador, Valverde, Quintana e Froome, entre outros, tiveron tempo entre os minutos previos de quecemento e o control de firmas para asinar autógrafos e fotografarse co público, antes de iniciar ás 13.40 a saída neutralizada para posteriormente, na estrada N-120, en dirección Vigo realizar a saída lanzada que os leva a Baiona, cun horario previsto de chegada a partires das 17.30 horas.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, protagonizaron o acto protocolario de corte de cinta, con Alberto Contador, Nairo Quintana, Alejandro Valverde e o primeiro maillot vermello da presente edición da “Vuelta”, Peter Kennaugh (Sky), na primeira fila de saída.

A “Vuelta a España” regresará a Ourense, concretamente a Luintra, meta da sexta etapa, o vindeiro xoves, día 25, para deixar definitivamente a provincia ourensá ao día seguinte, venres, 26 de agosto, coa saída desde a vila de Maceda con destino a Puebla de Sanabria.

Vuelta1 210815