• O X Festival Internacional ‘Rebulir’ premia o labor de Kepa Junquera e María do Ceo en prol da difusión da cultura galega
  • Ademais, entregouse un galardón especial a un membro da organización, en recoñecemento ao traballo desenvolvido nestes últimos anos
  • A cita conta co apoio de, entre outras entidades, a Xunta de Galicia
María do Ceo

María do Ceo

O Festival Internacional Rebulir (FIR) celebrou onte a súa décima gala coa entrega dos premios desta edición de 2015 ao acordeonista vasco Kepa Junquera e á fadista lusa María do Ceo, en ambos os casos polo seu labor en prol da difusión da cultura tradicional galega. Ademais, entregouse un premio especial a un membro da organización do FIR en recoñecemento do labor desenvolvido nestes anos. A Xunta é unha das entidades que apoia a celebración deste festival, organizado pola Asociación Cultural Rebulir, o Concello de Ramirás e a Deputación de Ourense.

A gala de hoxe uniu sobre o mesmo escenario a agrupacións folclóricas de Galicia, País Vasco, Comunidade Valenciana, Asturias, Portugal e Colombia; e pechouse coa entrega de premios. Nela participaron o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández e a delegada da Xunta na provincia de Ourense, Marisol Díaz Mouteira.

O apoio da Xunta a este festival ten como obxectivo dar visibilidade ás iniciativas que promoven a irmandade entre folclores, así como ás agrupacións que traballan en prol da recuperación, conservación e divulgación da música e costumes tradicionais.

Kepa Junquera

Kepa Junquera

 

Conservación do folclore
Na gala desta tarde a provincia ourensá estivo representada por ‘Rebulir’ (Ramirás) e ‘Candaira’ (Castrelo do Val), ambos os dous colectivos de creación relativamente recente que teñen como obxectivo recuperar e difundir as tradicións e costumes galegos. Representando a Euskadi participou no evento ‘Gaztedi Dantzari Taldea’, grupo de danzas vascas creado no ano 1951 no barrio bilbaíno de Santutxu; mentres que a participación valenciana correu a cargo de ‘Danses i Cançons’ (Castalla, Alacante), fundado no 1948 co fin de transmitir o importante legado cultural da Comunidade ás seguintes xeracións. Ademais, os asistentes ao acto puideron gozar das interpretacións do cantante e músico Héctor Braga e o gaiteiro Álvaro Álvarez – gañador do prestixioso trofeo McGrimmon do Festival de Lorient-, ambos os dous asturianos.

Xa no ámbito internacional, a tarde estivo amenizada pola ‘Agrupación Etnográfica Vila Praia de Áncora’ (Caminha, Portugal), recoñecida como institución de Utilidade Pública e merecedora da Medalla de Mérito Cultural da Câmara Municipal de Caminha; e por ‘Nativos de Macondo’, grupo nacido hai 15 anos coa intención de conservar e divulgar o rico folclore colombiano.

O FIR 2015 mestura tradición musical e gastronómica cunha ampla oferta de actividades para todos os públicos que implican tanto ao concello de Ramirás como a toda a comarca. Deste xeito, a programación incluíu a celebración do obradoiro ‘Aprendemos o mundo’, no CEIP Rogelio García Yañez (Ramirás) e a exposición ‘As Imaxes do Alén’, que poderá visitarse no Centro Cultural O Picouto ata o 31 de decembro. Ademais, esta tarde antes da gala puidéronse desgustar produtos típicos das comunidades e países participantes na mesma.

O festival pecha hoxe con actividades de animación e cunha Jam Sesion Intercultural no local ‘América’ de Celanova.