Inaugurado o 82º Congreso do PEN Internacional “Erguendo pontes literarias”

  • Inaugurado o 82º Congreso do PEN Internacional, no Teatro Principal
  • Este evento, organizado pola Deputación de Ourense e o Centro PEN Galicia, desenvolverase na capital ourensá ata o día 2 de outubro
Inauguración do 82º Congreso do PEN Internacional

Inauguración do 82º Congreso do PEN Internacional

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou onte no Teatro Principal da Deputación de Ourense, no acto inaugural do 82º Congreso do PEN Internacional, que ata 2 de outubro, reunirá a máis de 200 escritores de todo o mundo na provincia de Ourense.

O presidente da Deputación de Ourense destacou na súa intervención, que realizou en tres linguas (galego, castelán e inglés), o acertado lema deste congreso “Erguendo pontes literarias”, afirmando: “a literatura galega, escrita no idioma propio de Galicia, como ponte, como vínculo entre as literaturas hispánicas, hispanoamericanas, e as da lusofonía, Portugal, Brasil e países africanos de lingua portuguesa”.

Manuel Baltar no acto inaugural do 82º Congreso do PEN Internacional

Manuel Baltar no acto inaugural do 82º Congreso do PEN Internacional

 

Manuel Baltar lembrou aos alí presentes os piares do orgullo dos ourensáns, “tres cousas hai en Ourense que non as hai en España, o Santo Cristo, a Ponte e a Burga fervendo a auga”, e incidiu na importancia das pontes pois “todas elas son realizacións heroicas, froitos do esforzo e da tenacidade. Por iso, entre os tres símbolos do ourensanismo, un sentimento que tan ben definiu o presidente do PEN Galicia, Luís González Tosar, no seu manifesto “Afirmación da Ourensanía”, a ponte é un símbolo, xunto coa Burga, as augas quentes que sanan o corpo e reconfortan o espírito, Ourense é referencia obrigada en termalismo, e o Santo Cristo, a imaxe de Xesús crucificado venerada nunha capela da Catedral polos crentes, respectada por agnósticos e ateos”.

Asemade, o presidente da Deputación de Ourense felicitou aos organizadores polo seu traballo, e afirmou “creo que Ourense, esta cidade e este territorio, que ten, gracias a súa xente honrada e traballadora, identidade propia, porque traspasa os límites dunha provincia e non vai a defraudarvos”.

O presidente do goberno provincial salientou o papel da Deputación de Ourense como “promotora da cultura e da proxección exterior da nosa creatividade. E, Ourense, é e seguirá a ser, un referente literario”.

O acto comezou co espectáculo “Ourense Literario”, a cargo da compañía teatral “A Panadaría”, durante o cal, o escritor ourensán, Bieito Iglesias, rendeu homenaxe aos escritores vinculados ao PEN de Galicia que xa non están con nós: Eduardo Blanco Amor, Carlos Casares, Antón Risco, Antón Tovar, Pura Vázquez, Marcos Valcárcel e Xosé Fernández Ferreiro.

Na inauguración tamén participou o alcalde do Concello de Ourense, Jesús Vázquez; o presidente do Centro PEN Galicia, Luis González Tosar; e a presidente do PEN Internacional, Jennifer Clement.

Luis González Tosar, Jennifer Clement e Manuel Baltar

Luis González Tosar, Jennifer Clement e Manuel Baltar

 

Pola súa parte, Luis González Tosar, quen deu a benvida aos alí presentes, fixo un percorrido pola historia do Centro Pen de Galicia, “hai 27 anos que se fundou por iniciativa dun grupo de 25 escritores e escritoras. O primeiro presidente foi un ourensán, Alfredo Conde, a segunda foi unha muller, Úrsula Heinze, e o terceiro foi Carlos Casares, a quen eu sucedín”.

Tosar incidiu no seu discurso, en que a lingua e a literatura propia de Galicia son “a base fundamental da nosa identidade”, e explicou os principios que sosteñen o PEN: “nós traballamos para que a literatura galega transcenda e vaia máis aló das fronteiras, promovemos a tradución a outras linguas, e todo tipo de accións encamiñadas a unha proxección exterior dunha literatura das máis vellas de Europa”.

O presidente do Centro PEN Galicia rematou dirixíndose ás autoridades para agradecerlles o seu apoio, e lembrou que “Galicia é unha nación cultural e, como tal, debe desenvolverse no concerto dos homes e mulleres que teñen mau do mundo, como dicimos en Ourense, coas súas palabras”.

Previamente ao acto inaugural, o presidente do goberno provincial recibiu no Pazo Provincial ao comité executivo do PEN Internacional encabezado pola súa presidenta, Jennifer Clement para, posteriormente, reunirse na Praza Bispo Cesáreo da cidade, co resto de participantes diante da “Empty Chair”, a cadeira do “escritor ausente”, obra do artista Acisclo Manzano, e que simboliza a represión dos escritores, xornalistas, e demais profesionais que traballan coas palabras. Desde alí, foron acompañados ata o Teatro Principal, pola Real Banda de Gaitas da Deputación.

Jennifer Clement e Manuel Baltar

Jennifer Clement e Manuel Baltar

 

A programación prevista para hoxe, 27 de setembro, comezou ás 9.00 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel, onde se inaugurará a mostra «Libertas», de Olegario Sampedro, unha iniciativa que nace co fin de potenciar a defensa da liberdade de expresión como un dereito inalienable do ser humano, así como divulgar a cultura de paz. Na inauguración da exposición estará presente a presidenta da Fundación García Lorca, Laura García Lorca.

También te podría gustar...