III edición do «Festival Hércules Brass»

  • A música de vento metal dáse cita na III edición do «Festival Hércules Brass»
  • Celanova acollerá do 1 ao 5 de agosto concertos, clases maxistrais, e outras actividades formativas, con motivo deste encontro musical
Presentación do III Festival Hércules Brass Celanova

Presentación do III Festival Hércules Brass Celanova

A III edición do «Festival Hércules Brass» converterá a Celanova, do 1 ao 5 de agosto, no lugar de encontro para os músicos de vento metal con concertos, clases maxistrais, e outras actividades formativas. A presentación deste evento cultural tivo lugar onte no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o alcalde do Concello de Celanova, José Luis Ferro; e os membros da organización do festival, Rodrigo Rodríguez e Álex Vázquez.

Rosendo Fernández dixo que este festival é «o mellor escaparate da música de vento metal no panorama artístico galego». Este acontecemento cultural «de referencia para Ourense, está a innovar e a formar incluso fóra das fronteiras da provincia», afirmou o vicepresidente da Deputación de Ourense.

O alcalde do Concello de Celanova asegurou que este evento «ten moita importancia para o municipio, e estase a converter nun festival a nivel provincial relacionado coas artes escénicas, e que completa así a oferta en todas as disciplinas culturais de Celanova». Asemade José Luis Ferro destacou o esforzo e o traballo da organización deste festival «que vai a transcender a nivel nacional e internacional, pois xa hai inscritos alumnos franceses».

Pola súa banda, Anxo Lorenzo reafirmou a importancia da «cooperación» entre administracións «neste proxecto, que desde o seu comezo, contou coa implicación das tres institucións para facelo viable», e engadiu, «trátase dun festival especialmente interesante porque non só é de difusión, senón que tamén está baseado no aspecto formativo, sendo unha oportunidade para completar e actualizar a formación musical de diferentes músicos».

Entre as novidades deste ano atópase a celebración de clases específicas de música de cámara e orquestral a todo o alumnado a nivel avanzado e daranse pautas específicas para a preparación de audicións. Asemade terá lugar un taller de respiración a cargo do profesor Jesper Boile.

Rodrigo Rodríguez agradeceu o apoio das institucións neste festival «no que levamos traballando nove meses a reo porque o resultado sempre é moi positivo. Volvemos a celebralo en Celanova porque o festival xa non se entende fóra do Claustro do Mosteiro».

En canto á programación prevista para eses días, Rodrigo Rodríguez asegurou que «a calidade artística vaise superando en cada edición. Conservamos profesores de outros anos co obxectivo de crear unha escola de formación descontinua, e tamén con novos profesores de gran prestixio internacional como José Luís Sogorb, Severo Martínez, Pablo Dopazo ou José Manuel González».

En canto aos concertos no claustro que terán lugar durante eses días correrán a cargo do Órgano de San Salvador, Hércules Brass quinteto de metais, Málaga Brass, Airas Ensemble, e Hércules Brass Ensemble. Asemade nas noites de música actuarán a Banda de Música de Celanova e María do Ceo, Aida&Cris, GDjazz 5tet, Deep Mind 4tet e, por último, un concerto a cargo de todo o alumnado. O prezo das entradas para os concertos é «de 5 euros, tendo a posibilidade de obter un abono para catro concertos por 10 euros», dixo Rodrigo Rodríguez.

Ademais de concertos entre as actividades programadas para este festival, están previstas varias clases maxistrais de trompeta, trompa, trombón e tuba, impartidas por profesionais de gran recoñecemento e cunha longa traxectoria musical. Este festival «está a ser un referente a nivel internacional, máis do 88% das matrículas deste ano, son de fóra da provincia, asistindo xente de Francia, América e de distintos puntos de España como León, Salamanca, Segovia, entre outros», asegurou Álex Vázquez.

También te podría gustar...