Galicia e Portugal contarán cunha gran central de compras para impulsar o sector agrogandeiro de base cooperativa

Inauguracao-Eurocidada-25O secretario xeral do Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, asistiu onte á sinatura do acordo entre a Sociedade Cooperativa Delagro e a cooperativa portuguesa Ucanorte, no marco da Feira Agrícola do Norte de Portugal “Agrosemana”, que ten lugar na localidade de Póvoa de Varzim.

Fernández-Couto destacou a importancia deste acordo entre ambas cooperativas de 2º grao (agrupan a outras cooperativas) para a posta en marcha dunha gran central de compras que permita aos seus socios beneficiarse de mellores prezos dos insumos (pensos, servizos técnicos, fertilizantes, etc.). Así, engadiu que esta integración cooperativa internacional redundará nunha mellora da competitividade dos sectores agrogandeiros do noroeste peninsular en xeral e galegos en particular.

O secretario xeral incidiu tamén na similitude social e económica existente entre Galicia e a Cornixa Cantábrica (áreas de influencia de Delagro) por un lado e a zona centro-norte de Portugal (áreas de influencia de Ucanorte), por outro. Isto, sinalou, favorece a creación de sinerxias dentro dos diferentes sectores produtivos e neste caso de maneira particular no eido primario, que permiten mellorar a eficacia e eficiencia das explotacións.

Fernández-Couto salientou ademais a relevancia das dúas cooperativas asinantes, lembrando que Delagro integra a máis de 64 cooperativas de Cantabria, Asturias e Galicia e Ucanorte agrupa a máis de medio cento de cooperativas das rexións lusas de Douro, Minho e Tras-Os-Montes.

A actividade de ambas cooperativas abarca ámbitos como medio ambiente, agricultura, gandería, marketing e desenvolvemento de produtos para unha ampla gama de servizos capaces de prover solucións para todas as necesidades dos seus clientes e asociados.

Delagro
A cooperativa Delagro proporciona bens e servizos a uns 17.000 socios produtores. Creada no ano 1994, a súa facturación anual sitúase arredor dos 150 millóns de euros e nela traballan medio cento de persoas. Desenvolve a súa actividade nos subsectores de produción de leite, fabricación de pensos, vitivinícola e hortofrutícola.

También te podría gustar...