Galicia Calidade promociona os produtos galegos na feira internacional Fruit Attraction en Madrid

 

Galicia Calidade, dependente da Consellería de Economía e Industria, está a promocionar os produtos galegos na feira internacional Fruit Attraction en Madrid, encontro que acolleu un almorzo Galicia Calidade no stand da empresa certificada Kiwi Atlántico. O recoñecido barista galego Óscar de Toro foi o encargado de realizar a demostración a consumidores e empresarios con produtos que contan co selo de calidade tanto de Kiwi Atlántico, como de Ingapán, Torre de Núñez, Cabreiroá ou Feiraco.

Este traballo enmárcase na aposta da Xunta pola chegada das empresas galegas a novos mercados, un esforzo no que Galicia Calidade se presenta como unha ferramenta de apoio ás compañías no seu posicionamento exterior, tanto no resto de España como nos mercados foráneos.

Accións con profesionais

Nos últimos días Galicia Calidade realizou tamén outras dúas accións de promoción de compañías e produtos galegos na capital madrileña. Por un lado, na Asociación de Hostaleiros de Madrid “La Viña”, o sumiller galego Óscar Quintana impartiu o obradoiro Descubrindo os viños de Galicia, onde os profesionais deste colectivo degustaron os viños amparados pola marca de garantía Galicia Calidade, procedentes das cinco Denominacións de Orixe.

Así, puideron coñecer a calidade das doce adegas certificadas: Adega A Coroa, Adega dos Eidos, Adegas Tollodouro, Adegas Valdés, Bodegas Pazo de Villarei, Bodegas Nairoa, Bodegas Ruchel, Castro Baroña, Gargalo, Quinta do Buble, Regina Viarum e Vilarvín. Ademais, o barista Óscar de Toro realizou un taller sobre café, incidindo na importancia do emprego da auga e destacando o café de pota, de gran tradición en Galicia. Ao rematar os dous actos, os asistentes degustaron unha selección dos produtos das empresas amparadas por Galicia Calidade.

Por outro lado, na Escuela Internacional de Hotelería y Turismo Vatel España en Madrid, dependente da Embaixada de Francia, o barista fixo unha masterclass sobre a realización do café, destacando neste caso a marca de auga Cabreiroá, amparada por Galicia Calidade. Entre os asistentes atopábanse os alumnos do ciclo de hostalaría deste centro, un dos máis prestixiosos de España e onde saen profesionais de primeiro nivel cada ano.