Galicia acadou no mes de maio un máximo histórico de turismo internacional con preto de 100.000 turistas

image_gallery

 

Segundo os datos da Enquisa de Movementos Turísticos en Fronteiras (FRONTUR) publicados no día de hoxe, no pasado mes de maio rexistráronse 99.684 turistas estranxeiros con destino principal Galicia, cifra que supón un incremento do 20,4% en relación ao mesmo mes do pasado ano 2014. Con preto de 100.000 turistas, Galicia acada neste ano máximo histórico de turismo internacional no quinto mes do ano, continuando coa tendencia que se vén observando nos últimos meses.

Segundo os datos publicados por FRONTUR, Portugal, co 42,6% dos turistas estranxeiros, foi o principal mercado internacional neste quinto mes do ano. Ao mercado portugués séguenlle en orde de importancia Francia, co 19,6%, e Reino Unido, co 8,1%.

En termos dinámicos, compre destacar o incremento dos turistas que chegaron a nosa comunidade procedentes de Portugal no pasado mes de maio que foi do 21%.

A nivel estatal rexistrouse tamén un incremento da cifra de turistas estranxeiros, do 6,8% neste caso, superando os 6,5 millóns de turistas internacionais neste quinto mes do ano. Galicia superou deste xeito o crecemento rexistrado a nivel estatal en máis de trece puntos porcentuais.

En canto ao excursionismo internacional, Galicia recibiu un total de 345.312 excursionistas estranxeiros ao longo do pasado mes. Portugal foi o principal mercado emisor do excursionismo rexistrado en Galicia, supoñendo no pasado mes o 82% das entradas dun só día na nosa comunidade. O excursionismo procedente do país veciño incrementouse neste mes nun 2,7%.

Máis de 356 mil turistas estranxeiros nos cinco primeiros meses de 2015
En canto ao acumulado do ano, segundo FRONTUR, nos primeiros cinco meses deste ano 2015 Galicia recibiu máis de 356 mil turistas estranxeiros -356.365-, cifra que supón un máximo histórico na comunidade. A nosa comunidade superou nestes cinco primeiros meses do ano nun 13,1% a cifra do mesmo período do pasado ano 2014.

Segundo FRONTUR, Portugal, co 52,4% dos turistas estranxeiros, foi o principal mercado internacional en Galicia nestes cinco primeiros meses do ano. Seguen en orde de importancia Francia, co 13,3%, e Reino Unido, co 9,6% neste caso.

A nivel estatal produciuse tamén un incremento da cifra de turistas estranxeiros neste período de tempo superándose os 22,5 millóns. Neste caso o incremento foi de 5,1%, oito puntos porcentuais por debaixo do crecemento rexistrado na nosa comunidade.

En canto ao excursionismo internacional, Galicia recibiu un total de 1.325.311 excursionistas estranxeiros nos cinco primeiros meses do ano. Portugal foi o principal mercado do excursionismo rexistrado en Galicia, supoñendo o 90% das entradas dun só día na nosa comunidade.

También te podría gustar...