• Baltar destacou na Gala dos “Premios Deporte Galego” “a innovación e as potencialidades que fan de Ourense un referente para o deporte de elite e o de base”

0 0 0 0  MB e Gala Deporte 16

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo onte na Gala dos “Premios Deporte Galego” 2015, que se celebrou no Teatro Principal de Ourense, que Ourense “é hoxe capital do deporte e durante esta semana, lugar de referencia nacional no ámbito das industrias creativas e culturais, materias todas elas de futuro, un futuro que debe planificarse como reflicte o Plan Ourense 15-19 da Deputación de Ourense, onde o deporte figura con letras maiúsculas”. Neste sentido, o presidente do goberno provincial referiuse á innovación que supuxo por parte da Deputación “poñer en marcha o “Termalismo Deportivo”, que nos permite ter na nosa provincia ás mellores seleccións internacionais de remo que preparan nas nosas augas os campionatos do mundo e os xogos olímpicos. Innovación e potencialidades que fan da provincia de Ourense un referente para o deporte de elite e o de base”.

Manuel Baltar, quen entregou o premio ao Club Ciclista de Maceda como mellor entidade na promoción do deporte de base, e ao xornal La Región o premio ao mellor labor informativo polo suplemento “+ Deporte”, afirmou: “Temos auga, pero tamén temos a estación de esquí de Galicia, en Cabeza de Manzaneda, “a cal, en colaboración coa Xunta de Galicia, estamos a potenciar para que sexa, ademais dun destino deportivo un destino de turismo e natureza”, e referiuse tamén ao protagonismo que este ano ten a provincia de Ourense coa disputa de catro etapas da “Vuelta a España”, e subliñou que aquí “se celebra desde o ano 1967 o Rally de Ourense, e tamén aquí, en Ourense, no Pazo dos Deportes “Paco Paz”, disputará a vindeira tempada seus partidos na ACB o Club Ourense Baloncesto, entidade premiada hoxe”, destacando asemade que Expourense acollerá unha pista de atletismo indoor “que situará a Ourense como unha provincia de referencia no ámbito do atletismo”.

“Deporte de elite pero tamén deporte de base, o máis importante –afirmou Baltar-, para o cal o goberno provincial establece axudas para clubes e deportistas, as copas Deputación e, por suposto, contribuíndo coa construción de infraestruturas e servizos para os deportistas máis novos, como fixemos hai días coa inauguración do novo campo de fútbol de Maceda, coa presenza do seleccionador nacional, Vicente del Bosque”.

Rematou o presidente provincial lembrando a Constitución, que, no referente ao deporte, destaca que os poderes públicos fomentarán a educación sanitaria, a física e o deporte. “Iso é o que debemos pór en valor as administracións públicas porque o deporte é vida”.

A gala, que abriu o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e clausurou o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, tivo como fin de festa a actuación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, que interpretou o Himno Galego.

Relación de premiados nesta edición:

• Premio Galicia Saudable á entidade educativa destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa: IES de Murgardos.

• Mención especial : Daniel Pérez Morales (ximnasia)

• Premio deportista revelación: Miguel Alvariño García (Tiro con arco)

• Premio á mellor entidade na promoción do deporte de base: Club Ciclista Maceda.

• Premio ao mellor labor informativo: +Deporte/La Región.

• Premio ao mellor adestrador: Rafael Vázquez López (Bádminton)

• Premio Galicia Saudable á entidade de carácter privado destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa: ALCER Coruña.

• Premio deportista revelación: Adrián Ben Montenegro (Atletismo)

• Premio á mellor deportista feminina con discapacidade: Susana Rodríguez Gacio.

• Premio Galicia Saudable á entidade de cáracter público destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa: Concello de Arteixo.

• Premio ao mellor evento deportivo: Gran Premio Internacional de Marcha Atlética Cantones de A Coruña

• Premio ao/á mellor árbitro/a-xuíz/a: María Bautista Maestre.

• Premio á mellor deportista feminina: Teresa Portela Rivas.

• Premio ao patrocinio deportivo: Abanca

• Premio ao mellor equipo de deportistas con discapacidade: Darlim Racing Chapela.

• Premio ao mellor equipo masculino: Club Ourense Baloncesto SAD.

• Premio ao mellor equipo feminino: Clube Balonmán Mecalia Atlético Guardés.

• Premio ao mellor deportista masculino con discapacidade: Martín de la Puente Riobó.

• Premio ao mellor deportista masculino: Francisco Javier Gómez Noya