Formación universitaria para maiores de 50 anos en Monforte

  • Este mércores 7 de abril abre o prazo de inscrición para unha nova edición do programa universitario “Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do coñecemento”, programa que é froito do acordo entre o Concello de Monforte e a Universidade de Santiago de Compostela

  • “Con este programa”, en verbas do Alcalde, José Tomé Roca, “garantimos o dereito de todos os cidadáns ó acceso a educación superior independentemente da súa idade, xénero, domicilio ou recursos, é dicir, contribuímos á democratización do coñecemento entre os nosos cidadáns”
  • Os cursos ofertados son totalmente gratuítos e poderá inscribirse neles calquera persoa maior de 50 anos, para que non é necesario posuír ningunha formación previa específica. Para formalizar a inscrición, os interesados poderán dirixirse á Biblioteca Municipal de Monforte (Praza de España) en horario de 9:00 a 13:30 y de 16:00 a 20:00 horas e cubrir o correspondente impreso de inscrición, que tamén está dispoñible na web do Concello. O prazo abrirá dende o vindeiro mércores 7 e ata o venres 16 de abril (ambos incluídos)
  • Os seminarios ofertados, que se celebrarán do 20 ó 30 de abril no Centro Cívico e Social de Monforte, abordan diversas temáticas como especies invasoras, patrimonio cultural de Monforte, cultura folclore e educación ou cociña musical. Tamén se inclúen visitas polos arredores de Monforte e Ribeira Sacra ou ó Ecomuseo do Pazo de Arxeriz

 

Folleto_Caminos_Conecemento_Monforte_2021

 

O Concello de Monforte abre a partir do 7 de abril o prazo de inscrición para anotarse nunha nova edición do programa de formación universitaria dirixido a maiores de 50 anos, que froito do acordo que a entidade monfortina estableceu coa Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O programa leva por título “Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do coñecemento” e está composto por diversos seminarios formativos, totalmente gratuítos. Poderá inscribirse neles calquera persoa maior de 50 anos, para que non é necesario posuír ningunha formación previa específica.

O Alcalde, José Tomé Roca, salienta que “trátase dun programa, que xa celebramos o pasado ano cun gran éxito de participación, co que  garantimos o dereito de todos os cidadáns ó acceso a educación superior independentemente da súa idade, xénero, domicilio ou recursos. Polo tanto, entendemos a través  deste proxecto favoreceremos o achegamento do coñecemento á poboación maior do noso Concello, o que incidirá na mellora da súa calidade de vida e a súa participación social real nos ámbitos rural e  urbano”.

Deste xeito, todos os interesados e interesadas poderán formalizar a súa inscrición gratuíta neste programa acudindo á Biblioteca Municipal de Monforte (Praza de España) en horario de 9 a 13:30 e de 16 a 20 horas e cubrir o correspondente formulario de inscrición, que tamén está dispoñible na web do Concello. O prazo abrirá dende o día 7 e ata o 16 de abril, ambos incluídos.

 
Antecedentes

As institucións públicas galegas, como establece a Constitución e o Estatuto de Autonomía de Galicia, teñen a obriga de por os medios para espallar o coñecemento e o saber a toda a sociedade, tanto o coñecemento universal como o local, mais relacionado neste caso coa memoria histórica e social das comarcas e concellos. Neste senso, entidades como a Universidade de Santiago de Compostela e os propios concellos, xogan un papel fundamental, que é o caso destas accións formativas ofertadas.

Así, froito desta necesidade e inquietude que persegue a democratización do coñecemento, o Concello de Monforte renovou o seu acordo coa USC, e co apoio da Deputación de Lugo, para desenvolver na cidade o programa universitario para maiores de máis de 50 anos “Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do coñecemento”.

O programa achega esta formación específica a zonas e sectores da poboación que, por diferentes motivos (xeográficos, económicos …), non poden asistir ó devandito programa de formación para maiores nas instalacións universitarias en cada unha das sedes oficiais da USC. A colaboración co Concello de Monforte, que pon a disposición de docentes e participantes, as instalacións do Centro Cívico, posibilita o desenvolvemento deste programa.

Obxectivos

O obxectivo principal deste programa é favorecer a democratización do coñecemento, potenciando e difundido o coñecemento científico e artístico a toda a poboación maior de 50 anos nos concellos que se suman a este proxecto. Para elo, desenvólvense accións específicas que se concretan en varios obxectivos específicos:

  • Revalorizar e profundar no valor do noso patrimonio.
  • Concienciar, ensinar e aprender da presenza da ciencia no día a día das nosas vidas.
  • Recoñecer o valor das disciplinas artísticas nas nosas emocións e vivencias.
  • Adaptar e coñecer as competencias sociosanitarias dos principios de envellecemento activo.
  • Acadar unha mellora da calidade de vida, do benestar e da participación a través do exercicio intelectual que require este tipo de formación.
Metodoloxía

A metodoloxía é de corte participativa e aberta, na que os docentes universitarios desenvolveran varias sesións de docencia: teóricas unhas (de conferencia/seminario onde se pretende favorecer o dialogo e participación dos asistentes) e outras prácticas (con actividades de visita guiada, obradoiro,…) sendo unhas de corte máis humanístico, outras máis científicas e outras artísticas.

Programa “Camiños de coñecemento e experiencia 2021” en Monforte

O programa de seminarios e activades prácticas desenvolverase no Centro Cívico de Monforte (Paseo do Malecón) do 20 ó 30 de abril de 2021. Dito programa contará coas seguintes actividades teóricas e prácticas:

Seminario: “Especies invasoras”

        20/04/2021 16:30-18:00 h.

Impartido por Teresa Rodríguez López,  profesora titular da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo.

Saída polos arredores de Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra.

21/04/2021 16:30-18:00 h.

Dirixida por Teresa Rodríguez López,  profesora titular da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo e por Emilio Carral Vilariño, profesor titular da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (USC)

Seminario: “Das mouras ás mámoas, das mámoas ás pedras sacras, das pedras sacras a troques douro… Do inmaterial ao material do patrimonio cultural de Monforte de Lemos”

22/03/2021 16:30-18:00 h

Impartido por Carolina Casal Chico, doutora en Arte Medieval.

Seminario: “Cultura Folclore e educación: Construíndo a Identidade Persoal desde a Tradición

23/04/2021 16:30-18:00 h

Impartido por Alexandre Sotelino Losada, doutor en Ciencias da Educación e docente do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC.

Visita ó Ecomuseo Pazo de Arxeriz

29/04/2021 16:30-18:00 h

Dirixida por Carolina Casal Chico, doutora en Arte Medieval.

Obradoiro: “A Cociña Musical: O uso dos recursos cotiás na creación artística.

30/04/2021 16:30-18:00 h

Impartido por Sandra González Sousa e Cristina Calle Rodríguez, monitoras e dinamizadoras culturais.