‘Feminíssimas’, distintas formas de entender o feminismo
- O Centro Cultural Avenida da Rúa acolle esta peza teatral hoxe venres 12 de novembro ás 21:00 horas
A compañía De Ste Xeito Producións trae ao Centro Cultural Avenida do Concello da Rúa a súa obra «Feminíssimas», unha fantástica comedia coa amizade como fondo e o feminismo como forma.
Feminíssimas, dirixida por Xavier Castiñeira e interpretada por Noelia Blanco, Esther F. Carrodeguas e Stephy Llaryora, é unha creación colectiva que sorprende polo seu enfoque sobre o feminismo e que non deixa indiferente a ninguén. Conta, ademais das intérpretes devanditas, co traballo de iluminación de Javier Quintana e a colaboración de José Faro “Coti” e Beatriz de Vega González.
A obra está indicada para público maior de 12 anos e o custe da entrada é de 5 euros. O aforo será limitado e recoméndase reserva previa no Concello ou na taquilla.
FEMINÍSSIMAS
Un Congreso Feminista na cidade de Vigo. Tres amigas da adolescencia que hai anos que non ven. Tres amigas que teñen 3 maneiras moi distintas de entender o “feminismo”… Por exemplo: feminismo radical, feminismo liberal e teoría queer.
Este é o punto de partida da creación colectiva na que traballan as actrices Esther F. Carrodeguas, Noelia Blanco, Stephy Llaryora e o director Xavier Castiñeira, tentando meter altas doses de humor, ironía e complicidade para poñer a amizade a proba mentres se analiza –desde a comedia– de que maneira as mulleres están a convivir no universo feminista actual. «Unha maneira –tamén– de rirnos de nós mesmas, das nosas propias incongruencias e sobre todo do espazo que separa a teoría pura da práctica diaria», din.
Un espazo para reflexionar sobre a amizade e a súa complexa relación coa ideoloxía. En resumo, e como din dende a produtora: “unha comedia negra… moi violeta”.
- Fotos: Centro Cultural Avenida e produtora «De Ste Xeito»