Feijóo propón que o Plan social de loita contra a desigualdade económica se desenvolva en colaboración cos concellos

image_gallery (1)

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, propuxo hoxe desenvolver o Plan social de loita contra a desigualdade económica coa colaboración dos concellos porque, segundo dixo, esta é a mellor forma para “reducir os trámites burocráticos” e evitar duplicidades, para dar así o mellor servizo aos cidadáns que menos teñen.

No marco dunha reunión co alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, Feijóo explicou que a Consellería de Traballo e Benestar proporá aos concellos unha liña de colaboración que, no caso do rexedor herculino, ”quedou en estudar cando coñeza o seu contido e alcance”.

O xefe do Executivo autonómico incidiu en dous compromisos asumidos pola Xunta que beneficiarán directamente á cidade herculina. O primeiro deles, a promesa de rematar “cara a finais do próximo ano” a Cidade da Xustiza que se alzará no emprazamento da vella Fábrica de Tabacos. Cando se finalice esta importante infraestrutura —na que se fixo un dos maiores investimentos nun edificio na Galicia da última década—, a Xustiza poderá dispoñer un 70% máis de superficie, que redundará na súa eficiencia e no benestar dos seus traballadores.

Feijóo tampouco esqueceu a estación intermodal da cidade. Á súa construción destinaranse fondos nos orzamentos de 2016, pois a Xunta xa garantiu que se disporá de 35 millóns de euros de fondos europeos para o desenvolvemento da intermodalidade en Galicia. Non obstante, a obra está pendente “dunha pequena modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal”, polo que o presidente esperou que puidese concretarse a licitación “ao longo de 2016”.

Esta infraestrutura sumaríase ás achegas da Xunta para mellorar a mobilidade no entorno da Coruña en ámbitos como o Plan de Transporte Metropolitano —que permitiu aos cidadáns aforrar 12 millóns de euros nos seus desprazamentos desde 2011— ou a reforma da estación de autobuses —na que se investiron máis de 300.000 euros—.

Investimentos na Sanidade e na Educación públicas
O encontro entre o alcalde da Coruña e o presidente da Xunta, da que ámbolos dous destacaron a súa “absoluta cordialidade” serviu tamén para facer un balance do investimento en mellorar a Sanidade e a Educación públicas da cidade. “Cómpre poñer en valor a ampliación e renovación do servizo de Urxencias do Chuac, na que se investiron 15 millóns de euros”, subliñou Feijóo, “e a posta en funcionamento do novo ambulatorio de Mesoiro”. Trasladoulle tamén a Ferreiro o seu interese por rematar as obras do bloque cirúrxico do hospital, que crecerá un 20%, antes de que remate 2015. O Chuac benefíciase tamén do plan de renovación de equipos de alta tecnoloxía sanitaria no que está inmerso o Sergas.

No eido educativo, Feijóo lembrou a recente ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán, que se suma aos case vinte centros educativos coruñeses que se están a reformar ou ampliar ao longo desde 2015. A Xunta seguirá impulsando tamén a ampliación do CEIP Manuel Murguía, que se espera poida comezar neste mesmo mes de xullo. Respecto da posibilidade de construír un novo colexio en Mesoiro, o presidente da Xunta sinalou que se valorarán “as parcelas que o Concello poña a disposición”, pois o terreo que se propón actualmente foi desaconsellado polos técnicos da Consellería de Cultura e Educación, que ven posibles problemas nos accesos.

También te podría gustar...