Marisol Díaz Mouteira aisitiu en Expourense a entrega de premios a cinco empresas galegas líderes en calidade.

  • Coincidindo co Día Mundial da Calidade, que se celebra baixo o lema “A calidade que vén”, o recinto feiral organizou unha xornada enmarcada dentro da XXI Semana Europea
  • A delegada territorial da Xunta en Ourense felicitou ás entidades premiadas e asegurou que “as experiencias que compartiron hoxe animarán a outros empresarios a seguir modelos de xestión de calidade e ambiente, dinamizando o tecido empresarial galego”

121115 premios calidade

 

Con motivo da XXI Semana Europea da Calidade e coincidindo co Día Mundial da Calidade, que este ano se celebra baixo o lema “A calidade que vén”, Expourense organizou hoxe unha xornada que conta coa colaboración da Xunta de Galicia.  Ao abeiro desta xornada desenvolveuse a entrega dos galardóns da quinta edición dos premios Líderes en calidade”.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou no acto de entrega de premios ás empresas distinguidas como líderes en calidade. Por quinto ano consecutivo e coincidindo con esta Xornada de Exaltación da Calidade, quíxose recoñecer a traxectoria de cinco empresas pertencentes a sectores que interesan ao cidadán como a alimentación, a sanidade, a educación ou o medio ambiente, pero tamén temas que concernen ao empresario como é a internacionalización, nun momento no que contar con modelos de xestión convértese nun requisito case imprescindible á hora de exportar o produto.

Empresas galardoadas

Todas as empresas seleccionadas son líderes nos seus sectores, contan con sistemas de xestión e destacan polo seu compromiso coa Calidade e co Medio Ambiente.

As empresas galardoadas son:

  • Sector Agroalimentario: Artesáns galegos da carne (Lugo).
  • Sector Sanitario: Axencia Galega de Emerxencias AXEGA (A Coruña).
  • Educación: Colexio Lar (Pontevedra).
  • Medio Ambiente: Ataúdes Gallego (Ourense).
  • Internacionalización: ISEACSA Grupo (A Coruña).

A máxima representante do Goberno galego en Ourense felicitou ás entidades galegas distinguidas este ano como líderes en calidade e asegurou que “as experiencias que compartiron hoxe animarán a outros empresarios a seguir modelos de xestión de calidade e ambiente, dinamizando o tecido empresarial galego”.

Díaz Mouteira indicou que para o Goberno galego “traballar con calidade implica un compromiso coa cidadanía, tanto no que se refire á transparencia no que facemos como en todo o que afecta á racionalización dos recursos públicos”.

Esta iniciativa  ten como obxectivo sensibilizar tanto a empresas privadas como a entidades públicas da necesidade de incorporar aos seus modelos de xestión as directrices de calidade, co din de prestas servizos eficientes e conseguir a satisfacción do cliente. Deste modo, potenciase a existencia de empresas e administracións competitivas nun escenario globalizado.

121115premios Expourense Calidade