Éxito do Obradoiro de Emprego que renovou as instalacións da Escola da Pinguela de Monforte

  • José Tomé Roca clausurou oficialmente onte o Obradoiro Dual de Emprego que supuxo a renovación e modernización das instalacións da Escola Obradoiro de A Pinguela de Monforte
  • Neste obradoiro leváronse a cabo dúas especialidades formativas cun total de 20 alumnos e alumnas, relacionados có sector da construción. No módulo de albanelería participaron 12 alumnos e no de fontanería, 8
  • Dende o Equipo de Goberno fomentouse a contratación destes alumnos da Escola Obradoiro da Pinguela, coa posta en marcha o pasado mes de novembro dunha liña de axudas que destinan 1.500 € por traballador ás empresas do sector da construción que formalicen un contrato laboral con algún alumno desta Escola

 

O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, clausurou onte a segunda fase do Obradoiro Dual de Emprego de A Pinguela, acto no que tivo lugar a entrega de diplomas e certificados de formación ós 20 alumnos que participaron nel. Na clausura estivo acompañado polo Director da Escola Obradoiro de A Pinguela, Antonio Rodríguez, o Delegado Territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, así como membros do Equipo de Goberno e da Corporación municipal.

O Alcalde destacou que “hoxe, completamos a obra iniciada en decembro de 2019, que foi cando demos comezo á 2ª Fase deste Obradoiro de Emprego da Pinguela, e podemos afirmar con satisfacción que en Monforte xa contamos cun novo centro de formación ocupacional, nunhas instalacións moito máis modernas e actuais”.

Este obradoiro de emprego, posto en marcha polo Concello de Monforte ó abeiro do Programa de Obradoiros Duais de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, acadou un dobre obxectivo. Dunha banda, renovar e modenizar as instalacións da Escola Obradoiro de A Pinguela, ubicadas na rúa Sober, con máis de 30 anos de historia, que estaban moi deterioradas e obsoletas.

E doutra, que os participantes adquirisen a formación profesional e a práctica laboral necesarias para incorporarse o mundo do traballo, a través da combinación de accións de formación en alternancia coa práctica profesional. Para elo, en algo máis dun ano de formación, os alumnos cursaron 360 horas teórico-prácticas e 1.080 horas de formación práctica e experiencia profesional.

20 alumnos finalizan o obradoiro con éxito

A segunda fase deste obradoiro dual de emprego consistiu na recuperación dos módulos 2 e 3 da Escola Obradoiro da Pinguela, relativos ós baños e vestiarios, almacéns e outras aulas, quedando completa toda a restauración, que se distribúe nos seguintes espazos:

  • Módulo 1: Dúas aulas de 60 m2 cada unha, un aseo e dous despachos.
  • Módulo 2: Aseos-vestiarios para homes, mulleres e minusválidos.
  • Módulo 3: Un aula de 60 m2, un arquivo de 20 m2, e un aseo.
  • Módulo 4: Unha sala de xuntas de 25 m2, un aula multidisciplinar de 40 m2 que se dotará de tecnoloxías da información e da comunicación, e un aseo.

Levaronse a cabo neste obradoiro dúas especialidades formativas cun total de 20 alumnos e alumnas, relacionados có sector da construción. No módulo de albanelería  participaron 12 alumnos/as e no de fontanería, 8 alumnos/as. Tamén traballaron un director, unha administrativo e 2 monitores nas especialidades formativas, así como unha docente que impartiu o módulo de educación compensatoria a aqueles alumnos que non finalizaran as ensinanzas obrigatorias na súa formación regrada.

Durante o proceso formativo, os alumnos-traballadores recibiron tamén orientación, asesoramento e información profesional e formación empresarial.  Ademais, coa finalidade de permitirlles o acceso ás novas tecnoloxías da información e da comunicación incluíuse no programa formativo un módulo de iniciación á informática. Impartirase así tamén os módulos correspondentes, “Inserción laboral e técnicas de busca de emprego”,  “Sensibilización ambiental” “Sensibilidade na igualdade de oportunidades”.  Así mesmo impartirase a formación en materia de prevención de riscos laborais correspondente á ocupación que se vai desempeñar.

Neste segundo Obradoiro iniciado en decembro de 2019, o Concello aportou o 20% do orzamento do mesmo, mentres que dende a Consellería  e o Fondo Social Europeo aportaron o  80% restante.

O Concello fomenta o emprego e a demanda empresarial

A demanda de profesionais no sector, o da construción, é cada vez maior, segundo confirman diversos empresarios monfortinos ó Equipo de Goberno do Concello e ós propios técnicos. Aqueles manifestan que se atopan con problemas para atopar traballadores e traballadoras neste eido, formados e cualificados para as distintas especialidades do sector.

Así, dende o Equipo de Goberno do Concello fomentouse a contratación destes alumnos da Escola Obradoiro da Pinguela, coa posta en marcha o pasado mes de novembro dunha liña de axudas que destinan 1.500 euros por traballador ás empresas do sector da construción que formalicen un contrato laboral con algún alumno desta Escola.

“Para nós este é un Obradoiro cun claro compromiso de contratación, que non se pode quedar solo nunha fase formativa, senón que ten que ter unha conexión real co mercado laboral e resposta á inquietude que ten o Concello por crear postos de traballo, polo emprego, e para que os nosos parados, na medida do posible, melloren a súa situación laboral e teñan máis posibilidades de inserción no mercado laboral”, destacou o Alcalde.

Na cidade de Monforte, o sector da construción está cada vez máis derivado á rehabilitación e reconstrución de novas vivendas, máis que a construción de grandes edificios, o que xera na cidade un novo nicho de mercado para este sector que nos últimos anos volve a rexurdir como un xerador de emprego importante.

Con este tipo de obradoiros, o Concello de Monforte contribúe á mellora da empregabilidade de alumnos interesados de acceder con formación ó mercado laboral e da solución á demanda das empresas de persoal laboral cualificado. O obxectivo final é que estes alumnos poidan quedarse definitivamente nas empresas que os están a contratar, logo da súa formación no obradoiro de emprego.

O Alcalde concluíu destacando que

en adiante, o noso obxectivo é seguir fomentando a cualificación de futuros alumnos, preparándoos cunha formación teórica e unha experiencia práctica que aumenten as súas posibilidades de empregabilidade, ben sexa  para o autoemprego, formando as súas empresas como autónomos, ben sexa para ser contratados por outras empresas.