«Escurantismo e falta de transparencia na Rúa»

  • O BNG alerta do alcalde popular
    • Os nacionalistas amosan a súa preocupación pola “falta de cultura democrática” dun goberno municipal que despreza sistematicamente a institución que preside Álvaro Fernández

 

Documentación que de xeito continuado se lle nega á oposición, nulo respecto pola convocatoria ordinaria dos plenos, falta do máis mínimo diálogo cos grupos, faltas na entrega de actas de pleno e xuntas de goberno municipais, nula convocatoria de xuntas de portavoces, etcétera, etcétera. Todas elas actitudes denunciadas reiteradamente polo Bloque Nacionalista Galego e que fan parte da forma de actuar do goberno “máis opaco e escurantista da historia do Concello da Rúa”.

O grupo municipal do BNG do Concello da Rúa vén de facer unha denuncia pública da “absoluta falta de respecto do alcalde popular, Álvaro Fernández, ás mínimas normas democráticas esixíbeis a calquera institución pública”.

En palabras da portavoz nacionalista, Maria G. Albert, o grupo de goberno ten sistematizado neste ano e medio de mandato unhas formas que atentan directamente contra a representatividade popular e que polo tanto supoñen

“unha absoluta falta de respecto non só a parte da poboación que non votou aos grupos que sustentan ao goberno municipal, senón tamén aos seus propios votantes que carecen, neste contexto, do máis mínimo control de como se está a xestionar o Concello da Rúa”.

 
CRÍTICA

Os nacionalistas fan esta crítica despois da última controversia surxida co grupo de goberno ao non ter este convocado o Pleno Ordinario de xaneiro, que neste momento está adiado sine die ante a baixa laboral do secretario accidental. Critican desde o BNG que esta baixa só foi comunicada aos grupos a través dun correo electrónico sen que se teña articulado ningunha outra medida de comunicación co gallo de analizar as posíbeis alternativas que eviten a paralización do Concello e polo tanto teñen reclamado por escrito a convocatoria dunha xuntanza da Agrupación de Secretaría.

No BNG queren lembrar que o Partido Popular leva un ano enteiro sen entregar actas das Xuntas de Goberno Local aos grupos. Nesas xuntanzas é onde o PP e o RUA están a aprobar a maior parte das facturas que xeran polo que os grupos non temos ningún xeito de fiscalizar a saída de cartos do Concello “ao teren negado tamén o PP o acceso ao Rexistro Municipal, cuestión que o BNG ten reclamado en Pleno vai máis dun ano”.

Albert destaca que todas estas e outras cuestións “só veñen a incidir na evidente falta de cultura democrática dun alcalde que, como temos sinalado noutras ocasións, pretende levar o Concello como se fose a súa empresa privada e que ten un desprezo total e absoluto pola soberanía popular”.

Esta falta de democracia ten resultado evidente na xestión da COVID, período longuísimo no que en ningún momento se contou coa colaboración da oposición e que se está a ver agudizada co transcurso da lexislatura cun goberno “cada vez máis pechado en si mesmo e absolutamente dependente da Deputación de Ourense para realizar calquera actividade”.