Entrega dos IV Premios de Investigación

  • Baltar destaca nos «Premios de Investigación» a importancia de «investigar, innovar e crear valor no Campus de Ourense»
  • No acto, celebrado na Facultade de Empresariais e Turismo, recibiu o premio o traballo de fin de grao de Pablo López sobre «Deseño dunha quiniela galega», e foron recoñecidos con accésit «Teoría de colas», de Andrés López, e «Responsabilidade social corporativa e performance financeira», de Alejandro Rodríguez
Pablo López recibe o premio de mans de Manuel Baltar
Pablo López recibe o premio de mans de Manuel Baltar

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe no acto de entrega dos IV Premios de Investigación do Colexio de Economistas de Ourense–Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, a importancia de «investigar, innovar e crear valor dentro do Campus de Ourense, un dos máis puxantes e activos de Galicia». O presidente do goberno provincial, quen clausurou o evento, expresou o seu convencemento de que a alianza de cooperación entre a Deputación de Ourense e o Campus «fortalece ese camiño no que andamos para seguir mellorando social e economicamente a provincia de Ourense, cunha palabra básica para todos: futuro».

Baltar dixo que a universidade «é parte fundamental para o desenvolvemento do noso territorio, pois coñecemento, investigación, emprendedurismo e emprego teñen que ir da man para o progreso da nosa sociedade, un avance no que a colaboración institucional entre o goberno provincial e o Campus de Ourense é, e seguirá sendo, un sinal de identidade».

No acto, celebrado na Aula Magna da Facultade de Empresarias e Turismo, recibiu o premio o traballo de fin de grao de Pablo López sobre «Deseño dunha quiniela galega», e foron recoñecidos con accésit «Teoría de colas», de Andrés López, e «Responsabilidade social corporativa e performance financeira», de Alejandro Rodríguez. Xunto a Manuel Baltar, participaron no acto a decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense, Elena Rivo; e o decano do Colexio de Economistas de Ourense, Guillermo Díez, e director de Tecnópole, Ricardo Capilla, quen pronunciou unha conferencia sobre innovación.