• Xavier Queipo enaltece “á Galicia emigrante”
  • No acto, que tivo lugar onte no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense o autor de Os Kowa destacou “a importancia da herdanza migratoria” e do “biligüismo harmónico que os galegos levaron e levan polo mundo”.
  • O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, subliñou que hoxe “é un día importante para a nosa literatura e tamén para Ourense porque estamos a devolverlle a un dos nosos grandes escritores un pouquiño do que el nos achegou coa súa obra”

0 MB e Queipo

 

O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense acolleu onte o acto de entrega do XXXIV Premio de Novela “Eduardo Blanco Amor”, que organiza a Deputación de Ourense, e que este ano outorgou o galardón ao escritor Xavier Queipo pola súa obra Os Kowa. O xurado, que ditaminou por unanimidade conceder o premio a Xavier Queipo, estivo integrado polos escritores Luis González Tosar e Bieito Iglesias; a profesora Malores Villanueva, profesora, e os críticos literarios Armando Requeixo e Francisco Martínez Bouzas.

O premio ten unha dotación económica de 12.000 euros, outorgándoselle asemade ao premiado unha obra do escultor ourensán Acisclo Manzano, realizada especialmente para este premio.

Queipo dedicou o premio “á Galicia emigrante”, destacando “a importancia da herdanza migratoria” e do “biligüismo harmónico que os galegos levaron e levan polo mundo”. O autor, que reside desde hai 26 anos en Bruxelas dixo que a emigración lle deu como herdanza “ás e raíces para sentirme galego alí onde estivese, para ter sempre un ollo en Galicia e tamén para amar a cidade onde se habita”.

Queipo agradeceu á Deputación de Ourense e ao xurado “o rescate deste premio, tan importante das letras galegas” e rematou afirmando que levará “nas ás ese pulo e ese alento hoxe recibido”, desexando aos asistentes “que sexan felices e diferentes”.

Pola súa banda, o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, subliñou que hoxe “é un día importante para a nosa literatura e tamén para Ourense porque estamos a devolverlle a un dos nosos máis grandes escritores un pouquiño do que el nos achegou coa súa obra”. Baltar lembrou que de neno coñeceu a Blanco Amor, “como veciño que era das Lagoas, e falo agora a metros da Fonte do Rei, escenario dunha das obras máis importantes da nosa literatura, A Esmorga”.

Manuel Baltar afirmou que Ourense e o ourensanismo “están nos libros de Blanco Amor, non son casualidades nin anécdotas. Aínda máis, el fixo, conscientemente, de Ourense e da ourensanía a súa principal materia literaria”, e dixo que continuamos “na liña de posta en valor, de reivindicación e de compromiso coa figura e coa obra de Eduardo Blanco Amor, na que a Deputación de Ourense ten estado sempre achegando os recursos necesarios para que a memoria viva de quen recreou e elevou a Auria, perdure e teña maior difusión”.

Baltar afirmou que tamén estamos dispostos a engadir a ese mundo blancoamorián o presente galardón, “que organizamos con moito gusto e que con trinta e catro edicións de andadura constitúe o fundamento da novela galega do século XXI, da que forma parte como principal activo, Xavier Queipo, a quen lle reitero a miña noraboa e a disposición de colaborar para que a súa novela, Os Kowas, teña a edición e a difusión que se merece. A lingua e a cultura de Galicia son o fundamento da nosa identidade e, como tal, debemos comprometernos con feitos tanxibles, con realidades que permitan avanzar e normalizar, moito máis que con palabras e boas intencións”.

A obra premiada nesta edición, Os Kowa, é “unha historia trepidante que se desenvolve entre Europa e a Amazonia cun trasfondo de diálogo de identidades culturais de respecto pola diversidade e pola natureza. Está narrada con brillante oficio e dela destaca a súa calidade”, afirmou Malores Villanueva, secretaria do xurado.

Xavier Queipo, natural de Padrón e residente en Bruxelas é un novelista de longa traxectoria dentro da literatura galega.

Luis González Tosar, como portavoz do xurado, destacou a gran satisfacción do xurado “pola participación e a calidade das obras presentadas”, e engadiu “agradecer á Deputación de Ourense por ter organizado o certame na presente edición”.

No pasado ano 2014, cando se cumprían 35 anos do pasamento de Blanco Amor, a Deputación de Ourense asumiu o compromiso de exaltar a figura deste autor, polo que, entre outras accións, decidiuse asumir a organización deste premio literario, e a creación dunha fundación co nome do escritor para a difusión e valorización da súa obra.