Entrega.II.premio.investigacion.colexio.economista.04

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe no acto de entrega do II Premio de Investigación do Colexio de Economistas de Ourense, que tivo lugar na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus de Ourense, acto no que tamén estiveron presentes o decano do Colexio de Economistas de Ourense, Guillermo Díez; a decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense, Elena Rivo, e o director de Área de Planificación do Campus de Ourense, José María Failde Garrido.

Manuel Baltar, quen entregou o primeiro premio a Alba Rodríguez Rosales, polo seu traballo sobre “Influencias dos estilos de liderado nas organizacións. O caso das empresa de servizos avanzados”, dixo que a colaboración economía-empresa-turismo son na nosa provincia un sinónimo de competitividade, e citou como exemplo os resultados que nos ofrece o Observatorio Económico Ourensán –do que mañá mércores se coñecerán os resultados de novembro- “un elemento de diagnose que nos permite tomar as mellores decisións para a nosa provincia”. Tamén se referiu o presidente provincial ao Plan Termal “como un dos elementos que será motor do noso impulso económico”, e falou da colaboración entre a Deputación de Ourense e a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo en 2015 que posibilitará a realización dun Plan de Emprego Xoven e un programa de bolsas, “todo elo coa mirada posta na competitividade, na modernidade e no avance universitario e social da nosa provincia”, subliñou Manuel Baltar.

Os traballos galardoados foron editados pola Deputación de Ourense. Ademais do primeiro premio, entregáronse dous accésit, un a Amara Gallego García por un traballo sobre “Indicadores de sostibilidade turística” referido a aplicación da capacidade de carga á festa do Pulpo do Carballiño, e outro a Miguel Ángel González Faílde por un traballo sobre o “Mercado do automóbil”.