‘El juicio final’ de Los Suaves o 17 de decembro en Expourense

  • O grupo Los Suaves, medalla de ouro da provincia, despídense dos escenarios en Ourense
  • Baixo o nome «El juicio final» a banda musical actuará por última vez o 17 de decembro
Manuel Baltar cos integrantes de Los Suaves

Manuel Baltar cos integrantes de Los Suaves

 

O grupo ourensán Los Suaves ofrecerán un concerto de despedida, que conta co apoio da Deputación de Ourense, en Expourense, o 17 de decembro, baixo o nome «El juicio final». A presentación da actuación musical tivo lugar onte no Centro Cultural «Marcos Valcárcel», acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; os integrantes do grupo musical (Yosi, Charli, Alberto, Fernando e Tino); o manager do grupo, Pablo Rodríguez; e o produtor do concerto, Enrique Granda.

Manuel Baltar lembrou que o grupo foi distinguido coa medalla de ouro da provincia de Ourense, «absolutamente merecida a estes fillos de Ourense que proxectan coa súa obra a imaxe dese Ourense rebelde».

O presidente do goberno provincial agradeceu ao grupo que aceptarán a proposta da Deputación de Ourense de realizar esta última actuación en Ourense que fará que «o 17 de decembro sexa esa noite que nunca se acaba, e marcará un antes e un despois na historia de Ourense, con este concerto de despedida destes ourensáns que fixeron tanto pola música e pola proxección da imaxe de Ourense».

Baltar felicitou aos integrantes de Los Suaves «por todo o seu traballo e dedicación á música, e polo namoramento que fai que os seus milleiros de fans estean pendentes de calquera das súas citas».

Yosi quen dixo «temos a sorte de nacer en Ourense, e como nacer en Ourense é ser ben nacido», agradeceu sobre todo «á xente de Ourense que nos apoiou sempre; sen eles non teríamos acadado estes 36 anos de carreira musical, e agora chega o momento da despedida, de dicir adeus, co noso máis profundo agradecemento».

En canto ao libro sobre a historia do grupo ourensán, Yosi asegurou que se realizará coa Deputación de Ourense, tras a proposta que lles fixera no pasado mes de outubro o presidente do goberno provincial.

O grupo ourensán iniciou a comezos de 2015 a súa xira de despedida que se prolongará ata finais deste ano, «para despedirnos de toda a xente que nos seguiu durante todos estes anos», e remarcou que se prolongou dous años «porque hai moitos sitios dos que despedirse», dixo Alberto.

Este último concerto que vai ser gravado «será un espectáculo inesquecible, dentro do que é a historia de Los Suaves, e faremos o que nunca fixemos porque será o derradeiro concerto do grupo», afirmou Charli.

A música de Los Suaves remata en Ourense, a súa provincia natal, con ese concerto para o que estarán dispoñibles as entradas «a partir das 10.00 horas do vindeiro martes, 5 de xullo, na páxina www.lossuavesweb.com», dixo Fernando.

Ao remate da presentación proxectouse un vídeo promocional do concerto, que xa se pode visualizar en Youtube e que fai alusión «ao que é o grupo e a nosa terra», afirmou Tino.

También te podría gustar...