O BNG achega o seu programa aos barrios do Barco, e esta tarde foi a quenda das Casas Baratas, onde varios veciños interviron no acto para contarlle a Suso Vilasánchez as necesidades do barrio.

IMG_6499

 

O candidato do BNG-AA leva unha intensa campaña en todo o rural barquense, pero tamén barrio a barrio na propia vila. Suso Vilasánchez comezou o seu dircurso na praza das Casas Baratas mostrando un programa de 32 páxinas e dicindo que “nós non o escondemos, porque o temos, é público, non son catro propostas nun papeliño”.

Continuou asegurando que o programa de goberno co que o BNG-AA se presenta a estas eleccións “é fundamentalmente pensado para a xente, por iso nos centramos nas políticas sociais, por que non é tempo de seguir co cemento, agora O Barco non precisa grandes obras”.

O acto comezou coa intervención de Vítor Sierra, actual concelleiro do BNG, que resumiu a actuación dos nacionalistas no Concello durante esta lexislatura que está a punto de rematar. “Non todos os partidos son iguais, a nós non se nos pode achacar que só nos lembramos da xente en eleccións, con algún de vós estiven reunido para tratar de solucionar problemas neste barrio, e o BNG foi o único que elevou as vosas preocupacións ao Concello”, asegurou Vítor Sierra, que nomeou todas e cada unha das loitas polo barrio, como o estado do antigo matadoiro municipal, o desleixo do Concello para as zonas verdes, o inexistente mantemento no Pinar do Pega, ou as graves faltas de suministro de auga que sufre a veciñanza neste barrio nas épocas estivais.

IMG_6509

 

 

A continuación, Manuel Agra, o terceiro candidato, falou sobre a “necesidade de que haxa unha alternativa nacionalista para o Concello” e criticou as posturas das outras formacións “por non defender os intereses de quen máis o precisa”. Así lembrou a implicación do BNG coa Sanidade, cos preferentistas ou cos e coas emigrantes retornadas. De seguido, Suso Vilasánchez, o grande esperado deste acto, dixo que o BNG “traballará en varias medidas para a creación de emprego relacionadas coa posta en valor do rural, a economía produtiva nos montes, o turismo implementando e dando difusión á marca Valdeorras, e un moderno proxecto de xestión do lixo máis respetuoso con medio e con menos custe para os petos dos e das barquenses”.

O líder dos nacionalistas arrincou apalusos por varias veces, pero sen dúbida cando recibiu o apoio da praza foi cando se comprometeu a facer unha política diferente, “non cobrarei nin un peso do Concello para o meu peto” dixo, asegurando que “os concellos onde gobernamos nós son diferentes, e non destacan pola corrupción, senón por estar a carón da veciñanza”. Asemade, Vilasánchez recolleu o descontento da veciñanza coa xestión de Alfredo García no barrio. Foron varios veciños os que interviron no acto escenificando a súa indignación con, por exemplo, o estado do parque infantil, as pistas deportivas, ou o mantemento das zonas verdes.