Educación inviste 54.000 euros na reforma e mellora do centro educativo de San Cristovo de Cea e o Carballiño

Obras CPI Cea

 

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitou onte á mañá tres centros educativos dos concellos ourensáns de San Cristovo de Cea e do Carballiño nos que recentemente a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria levou a cabo obras de reforma, ampliación e mellora (RAM) por un valor de 53.700 euros.

Na visita ao CPI Virxe da Saleta de San Cristovo de Cea, Rogelio Martínez estivo acompañado polo alcalde da localidade, José Luis Valladares, e pola xefa territorial da Cultura e Educación, Mercedes Gallego. Neste centro, cun investimento de 25.000 euros, instalouse un falso teito acústico no ximnasio. Ademais, e coa achega de máis de 6.500 euros da institución provincial, coloráronse dobres ventás nas aulas de Educación Infantil e adaptouse o espazo dedicado a almacén.

Obras IES Chamoso Lamas

 

IES do Carballiño

O delegado territorial visitou ademais esta mañá os dous IES da localidade ourensá do Carballiño onde se acometeron traballos incluídos no RAM. Así, no IES Manuel Chamoso Lamas instalouse unha marquesiña entre o comedor e o polideportivo, ampliouse a aula de electrónica e adaptouse o almacén por un importe de 18.500 euros.

Por último, algo máis de 10.000 euros correspondéronlle ao IES carballinés Nº1, no que as melloras se centraron no cuberto da zona dos baños exteriores e no peche do soportal.

Os traballos executáronse durante as vacacións de verán, co fin de non interferir na actividade académica e para que puideran estar rematadas de cara ao inicio do novo curso escolar.

Rogelio Martínez destacou o compromiso da Xunta de Galicia coa calidade educativa e as infraestruturas da provincia de Ourense, que ano tras ano recibe axudas para realizar obras de mellora en escolas e institutos. “Dende o Goberno galego traballamos para seguir avanzando na adecuación das instalacións co fin de continuar a mellorar as condicións de traballo e estudo de docentes e alumnos”, asegurou o delegado. A Xunta investiu este ano 1.850.000 euros para realizar actuacións en 64 centros educativos ourensáns. Martínez engadiu que este ano, como novidade, a Deputación colabora na mellora dos centros educativos da provincia cunha partida de case 850.000 euros incluída dentro do Plan provincial de Obras e Servizos.

Obras IES nº1 Carballiño

También te podría gustar...