Dúas publicacións difunden as obras gañadoras do II Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, impulsado por Cultura e Educación

Anxo Lorenzo en Ourense

Anxo Lorenzo en Ourense

 

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, referiuse onte en Ourense á necesidade de favorecer novas propostas no ámbito do discurso da fotografía contemporánea. Fíxoo no marco da presentación das dúas publicacións que recompilan as obras gañadoras do II Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, un certame que viu a luz ao abeiro do Festival Outono Fotográfico, promovido pola Fundación Benito Losada, e que conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Berto Macei e Jose Romay foron os gañadores desta edición, dotada con 16.000 euros, destinados á produción da exposición temporal itinerante coas obras gañadoras e á súa publicación nos libros que hoxe se presentaron na Galería PhotoArt de Ourense.
Ademais dos gañadores, tamén participaron no acto de presentación o coordinador e o director do premio, Xosé Lois Vázquez e Vítor Nieves, respectivamente; e a xefa territorial en Ourense da Consellería de Cultura e Educación, Mercedes Gallego.

Promover novas creacións

Co obxectivo de situar a Galicia no circuíto internacional da fotografía e de promover nesta disciplina novas creacións na linguaxe contemporánea, o certame, que tamén conta co apoio da Deputación Provincial de Lugo, premia propostas de carácter visual-fotográficas realizadas por parte de autoras e de autores de calquera nacionalidade.

A Secretaría Xeral de Cultura impulsa a difusión e posta en valor da fotografía a través de certames coma este e de diversas iniciativas en colaboración con outras entidades. Esta mesma semana presentábase en Santiago de Compostela unha exposición fotográfica na Fundación Gonzalo Torrente Ballester, con imaxes tomadas polo escritor, realizada co apoio da Consellería de Cultura e Educación.

Tamén no referente á fotografía histórica, o departamento colaborou en 2014 coa mostra de Alvarellos Editora ‘As fotos máis antigas de Galicia’, con imaxes do fotógrafo Andrés Cisneros tomadas na capital de Galicia no século XIX.