Día das Letras Galegas en Viana: programa de actividades

  • Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, dende o Concello de Viana do Bolo están a organizar un amplo programa de actividades culturais para todas as idades e gustos

 

Neste ano 2021, coincidindo co centenario da morte de Emilia Pardo Bazán (o 12 de maio) e coa homenaxe das Letras Galegas á poeta Xela Arias (5ª muller en conseguir esta distinción), a organización desta data foi levada a cabo pola Concellería de Cultura, a Concellería de Igualdade e o Centro de Información ás Mulleres (CIM). 

O obxectivo dos actos e actuacións e recoñecer e reivindicar o papel das nosas escritoras e tamén o papel que moitas mulleres anónimas tiveron na conservación e divulgación da nosa cultura e tradición, tanto de forma escrita coma oral.

Así, entre as actividades levadas a cabo destacan:

“Aprende coas mulleres galegas”: (a través das Redes Sociais) unha iniciativa en forma de material didáctico elaborado pola Secretaría Xeral de
Igualdade que pretende dar a coñecer e afondar na vida de grandes mulleres galegas e, neste caso, de autoras galegas (Luz Pozo Garza, Mª
Victoria Moreno, Xela Arias, Emilia Pardo Bazán, etc ). Dende o CIM daremos visibilidade a este proxecto tan interesante e educativo e
publicaremos a través das nosas Redes Sociais algunhas das unidades didácticas.

“Lecturas recomendadas”: (a través das Redes Sociais) unha sección que xa leva meses nas nosas RR.SS e consiste na recomendación de obras dispoñibles na nosa Biblioteca Municipal. Durante este mes, a protagonista desta sección será Xela Arias, como non podía ser doutro modo.

 “E ti que ves lendo?”: (a través das Redes Sociais) é a última das iniciativas propostas a través das RR.SS. É unha actividade participativa na que as veciñas/os que o desexen poden e suxerir unha lectura en galego baixo o hashtag “#etiqueveslendo?”. O obxectivo e implicar á veciñanza na lectura de libros en galego e, preferiblemente, de mulleres. 

Mural polo Día da Letras Galegas: colocación dun mural na Praza Maior de Viana do Bolo cunha breve historia das persoas homenaxeadas coas Letras Galegas (maís de 50 autores e autoras galegas serán as/os protagonistas do noso mural divulgativo

“As Lavandeiras”: unha actuación cantada e contada na que as protagonistas son as mulleres. Unha reivindicación do papel de moitas mulleres anónimas que, sen ser escritoras, son autoras de contos, lendas e historias que forman parte da nosa cultura e tradición. E neste mes das mulleres e as letras queremos que teñan o seu recoñecemento. 

Unha actividade que terá lugar na Casa da Cultura, cumprindo cos protocolos e normas Covid, e que está subvencionada pola Rede de Auditorios de Ourense (Deputación de Ourense) .

“Feminísssimas”: tres son as protagonistas desta comedia na que o feminismo, a amizade e o humor forman un trío moi especial. Unha obra na que se poden aprender as formas de entender o feminismo de tres amigas que se volven atopar despois de anos sen verse. Un espazo para reflexionar sobre a amizade e a súa complexa relación coa ideoloxía. A actividade está recomendada para maiores de 12 anos. Unha actividade que terá lugar na Casa da Cultura, cumprindo cos protocolos e normas Covid, e que está subvencionada pola Rede de Auditorios de Ourense (Deputación de Ourense) .

Obradoiros coa poeta galega Yolanda Castaño: durante a mañá do xoves 20 de maio contaremos con Yolanda Castaño que visitará o IES Carlos Casares con 2 obradoiros (un de poesía e outro sobre a vida e obra de Xela Arias inspirado no libro “Xela quixo ser ela”, escrito pola propia Yolanda).

Contacontos ilustrado e musical baseado no libro sobre Xela Arias, pertencente á colección Mulleres Galegas. Nesta actividade, narrarase oralmente a historia, obra e vida da autora, e farase un obradoiro de debuxo no que se realizará unha caricatura da poeta nacida en Sarria. 

A localización da actividade aínda está por determinar.

Roteiro “Contando Viana en Feminino”: Trátase dun interesante roteiro polas rúas do Cabo da Vila de Viana do Bolo no que narraremos a importante contribución que as mulleres fixeron a historia da nosa vila e comarca. O roteiro constará de varias de escenas que serán representadas por veciñas de

Viana e rematará cunha emotiva sorpresa para o público asistente. (Grupos reducidos e con inscrición previa)

Agasallo de marcapáxinas: As persoas que participen nalgunha das actividades programadas serán agasalladas cun marcapáxinas deseñado
con motivo do Día das Letras Galegas.

A celebración das actividades pode sufrir modificacións, aprazamentos ou cancelacións en función das restricións existentes no momento da súa celebración.

 

También te podría gustar...