• España preparou as Olimpíadas de Río 2016 en Ourense
Manuel Baltar coa selección española de piragüismo

Manuel Baltar coa selección española de piragüismo

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou en Laias, ao equipo nacional de piragüismo de España nas instalacións dos Centros de Alto Rendemento do CERLAC, onde se concentraron para preparar a competición dos Xogos Olímpicos de Río de Xaneiro, ao igual co equipo nacional de piragüismo de Bélxica.

Manuel Baltar destacou que se trata “dunhas das mellores infraestruturas deportivas de España para a práctica do remo e do piragüismo na que estiveron preparándose as seleccións de Holanda, Bielorrusia e Reino Unido, por exemplo”. Asemade o presidente da Deputación de Ourense lembrou que esta actuación enmárcase dentro do Plan “Ourense, a provincia termal”, “no que se mestura saúde, deporte e lecer, e que pretende poñer en valor un dos nosos principais atractivos turísticos, o termalismo”.

Na primeira fase da formación, do 25 de xuño ao 9 de xullo, os dous equipos adestraron xuntos no centro de Arnoia, mentres que a segunda fase do adestramento, na que só participou o equipo de España, iniciouse o 17 de xullo no centro de Laias e concluíu onte, 5 de agosto, data na que a formación olímpica española viaxou a Brasil para competir en dita disciplina nas instalacións da Lagoa Freitas.

Os adestradores de ambos equipos manifestaron a súa satisfacción coas condicións que presentan os centros, polo que teñen previsto volver a empregalas de cara a vindeiras tempadas.