• A Xunta lembra que o 16 remata o prazo de inscrición nos cursos previos ás probas Celga de novembro
  • Os cursos preparatorios dos niveis 2, 3 e 4, que comezarán en setembro nos concellos, pódense solicitar aínda ata este sábado
  • O Diario Oficial de Galicia publicará este mes a segunda convocatoria de probas Celga do ano, que se realizará en Santiago e Ponferrada

celga_webA Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recorda que este sábado, 16 de xullo, remata o prazo de inscrición nos cursos preparatorios das probas de acreditación dos niveis de lingua galega Celga 2, Celga 3 e Celga 4, convocados por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística no Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado 17 de xullo a través da Resolución do 8 de xuño de 2016, pola que se anuncia, con carácter voluntario e gratuíto, a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega Celga 2, Celga 3 e Celga 4.

As persoas interesadas en solicitalos deberán ser maiores de 16 anos, ou cumprilos en 2016, e dirixir a súa petición á xefatura territorial da provincia á que pertenza o concello correspondente presentando o modelo normalizado que figura na propia convocatoria (ED104B), dispoñible tamén na sede electrónica da Xunta de Galicia e mais no Portal da Lingua Galega.

As localidades de realización dos cursos son: na provincia da Coruña, Betanzos, Carballo, Cedeira, Cee, A Coruña cidade, Fene, Oleiros, Padrón e Vimianzo; na provincia de Lugo, Lugo cidade, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Xove; na provincia de Ourense, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, A Pobra de Trives, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia; e na provincia de Pontevedra, A Estrada, A Guarda, Lalín, Marín, O Porriño, Redondela, Sanxenxo, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

A segunda convocatoria

Así mesmo, a consellería dirixida por Román Rodríguez informa de que, tal e como se anunciou a comezos de ano, os exames da segunda convocatoria de probas Celga de 2016 terán lugar no mes de novembro en Santiago de Compostela e mais en Ponferrada. Por niveis, os días de realización serán os seguintes: 5 de novembro, Celga 4; 6 de novembro, Celga 2; 12 de novembro, Celga 3; 13 de novembro, Celga 1.

O prazo de inscrición nestas probas de acreditación ás que se dirixen os cursos preparatorios previos abrirase este mesmo mes a través da publicación da correspondente resolución no DOG. Cómpre ter en conta que a realización dos cursos -que teñen unha duración de 70 horas lectivas- non dá en por si dereito a certificación ningunha, por tratarse de aulas preparatorias, e que é necesario superar os exames de cada nivel.

Máis información no Portal da Lingua Galega lingua.gal e nos concellos.