Xunta e Goberno central coordinan os dispositivos para garantir a vialidade invernal nas estradas da provincia de Ourense.

  • A reunión da comisión para a seguridade viaria en situacións metereolóxicas extremas estivo presidida pola delegada territorial da Xunta na provincia, Marisol Díaz Mouteira, e o subdelegado do Goberno, Roberto Castro
  • As medidas e actuacións divídense en dous grandes grupos: as destinadas a anticiparse aos posibles problemas e as que garanten a vialidade e intentan incrementar a seguridade nas estradas
  • Os máximos representantes de ámbalas administracións, autonómica e central, subliñaron a coordinación e o esforzo que realizan para mellorar as condicións de circulación no período invernal

251115 Reunión Vialidade

 

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, xunto co subdelegado do Goberno na provincia, Roberto Castro, presidiu a reunión da Comisión de Coordinación Provincial para a seguridade viaria en situacións metereolóxicas extremas. O obxectivo desta xuntanza, que se celebra cada ano por estas datas, é coordinar medios e actuacións que garantan a seguridade viaria dos condutores nesta época invernal de climatoloxía adversa.

Na xuntanza tamén participaron representantes da Deputación provincial, das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, Agrupación de Tráfico, Estradas do Estado en Ourense, protección Civil e membros da FEGAMP.

Na provincia de Ourense, hai 101 estradas da Rede Autonómica de Estradas de Galicia cun total de 1.030,6 Km. A Xunta ten identificadas na nosa provincia as vías susceptibles de ter problemas de neve que suman 453 Km, que supoñen un 44% do total.

O Plan de Vialidade invernal da Xunta implica a posta a disposición de diferentes medios, tanto humanos como materiais, incluíndose a maquinaria da conservación ordinaria que se usa como reforzo na tempada de vialidade invernal. Así, o Goberno galego conta na provincia ourensá con 15 camións, 10 follas quitaneves, 3 retros, 15 esparexedores de sal, 5 cuñas, 4 extendedoras de salmoeira, 2 plantas de fabricación de salmoira e un pick-up. Canto á reserva de fundentes, a provincia de Ourense é a que conta co maior número cifrado o acopio inicial en 2.135 toneladas. Canto ao persoal, para garantir e incrementar a seguridade viaria nos meses de outono e inverno na provincia ourensá destínanse un total de 102 persoas.

Este operativo garante unhas óptimas condicións de circulación pola rede de estradas de titularidade autonómica ante as posibles condicións meteorolóxicas adversas.

251115 Reunión Vialidade