Cooperativa Barbudos: “estamos con probas para elaborar un licor de castaña”

  • Tres valdeorreses e un destino, elaborar licores ricos e diferentes como, por exemplo, o seu Licor Café descafeinado ou o seu Licor Café picante
  • Segundo nos avanzan nesta entrevista, unha elaboración coa que experimentan actualmente levará augardente de Valdeorras e castañas de Manzaneda subministradas pola Cooperativa Amarelante

 

A Cooperativa Barbudos nace a comezos do ano 2018 despois de xuntarse Saúl, Carlos e Antonio, tres rapaces de Valdeorras con ganas de emprender no mundo dos destilados. Antonio é de Vilamartín, Saúl e Carlos do Barco de Valdeorras.

A cooperativa foi bautizada con este nome porque era o nome dun bar que levan no Barco de Valdeorras dende o 2014, negocio que actualmente está incorporado tamén no proxecto cooperativista.

Segundo nos contan, ao comezar xa tiñan algo de idea do traballo que ía supoñer, gustáballes o proxecto e dispoñían dun lugar en Vilamartín onde elaborar os licores. Estas premisas foron a base para aventurarse, empezar coas as súas elaboracións e poñelas no mercado.

Falamos con eles.

Vénvos de tradición familiar este oficio da destilación?

É un mundo que, uns máis e outros menos, todos coñecíamos. Ben sexa porque era habitual facer licores nas nosas casas ou porque algúns xa levabamos anos facendo probas como entretemento. Así que algo si, podemos chamalo tradición familiar. Pero sería só un oficio de elaborar, de macerar, nós non destilamos, mercamos o augardente a unha empresa de Valdeorras e con el elaboramos os nosos licores.

 

Centrados só na elaboración e comercialización de bebidas espirituosas?

Agora mesmo si e nun futuro próximo tamén. Non sabemos se máis adiante buscaremos ampliar dalgunha maneira o noso traballo, pero nestes momentos o que facemos é elaborar e comercializar. Aínda que dentro da cooperativa tamén levamos, algúns de nós, non todos, un bar no Barco co mesmo nome da cooperativa. Un bar que, ademais, é o noso gran punto de venda.

 

Con que licores empezastes e cales fostes incorporando estes anos?

Comezamos con catro tipos de licores: Licor café, licor de herbas, licor de limón e licor café picante, e pouco despois saíu o licor de laranxa. Cando xa levabamos un par de anos funcionando sacamos á venda outro licor de froita, un licor de cereixa que, de momento, está sendo un produto de tempada. E o último, ata o momento, é outro tipo de licor café, un descafeinado. Un produto que tivo bastante boa acollida, gracias a que fai que te libres das noites de insomnio ás que soe levar o licor café.

 

Licor café descafeinado: a súa última elaboración pensada para ‘librarse das noites de insomnio’ que provoca o licor café tradicional

 

 

Seica vos funciona moi ben o Licor Café picante. Que o fai tan ‘perigoso’ como advertides?

Máis que funcionar, que tamén, pero funcionan mellor outros, nós diríamos que é un produto que chama moito a atención, especialmente nas feiras ás que imos. Tanto este coma o descafeinado levan á xente a preguntar por el e a probar, aínda que despois merquen licor café normal ou de herbas. E o de chamalo perigoso vén por dous motivos: por ser o de maior graduación, e por ese toque picante, que para quen non lle teña moita tolerancia faise algo duro. É un produto que para gustar ou non depende moito do que cada un soporte o picante. E ademais é licor café, que todo aquel que bebe un bo licor sabe como baixa primeiro e sube despois.

 

Nas elaboracións partides de receitas tradicionais para despois darlle o voso toque. Contádenos.

Pois o que dis sería certo a medias. Nós temos certa cautela á hora de usar ese nome de “tradicionais”. Máis que a receita en si, a diferenza dos licores que nós facemos –e os doutros elaboradores do noso estilo– cos das grandes empresas débese aos produtos utilizados, xa que hoxe en día é habitual o uso de esencias no lugar do propio produto. Pero centrándonos na túa pregunta, é algo así. Temos receitas das nosas familias, e doutra xente, ás que lle engadimos ou quitamos ingredientes, pero tamén temos outros licores que surxiron a base de probas, como ese licor picante, o cal non é algo moi tradicional.

 

Temos receitas das nosas familias, e doutra xente, ás que lle engadimos ou quitamos ingredientes, pero tamén temos outros licores que surxiron a base de probas

 

 

Receitas finais de cada un dos vosos dixestivos que supoñemos non se pode desvelar, verdade?

Poderíamos, pero non queremos. Agora en serio, máis que saber que produtos usar para os licores o importante é ter unha idea das cantidades de cada un. O licor de herbas, por exemplo, leva uns 20 tipos de herbas, e o principal é non pasarse con algunha delas, que unha non mate o sabor do resto.

 

E falando de dixestivos… é un eufemismo ou está probado que facilitan as dixestións?

Ten algo das dúas cousas. O alcohol é bo dixestivo en cantidades pequenas, así que un ou dous chupitos axudan a unha boa dixestión, se tomamos moito fai todo o contrario. Dentro dos nosos licores os que mellor se adaptan a este uso serían o de herbas, o de laranxa e o de limón. Este último é unha adaptación propia dun refresco dixestivo dunha cooperativa dedicada ás herbas medicinais e agricultura ecolóxica.

 

Que canles de venda empregades actualmente?

Agora mesmo hai tres ou catro nos que nos movemos. Feiras, tendas, bares e a nosa páxina web. Bares, restaurantes e tendas sería principalmente en Valdeorras, aínda que van xurdindo puntos fóra da comarca. As feiras tamén nos aportan moito, especialmente como medio de darnos a coñecer, antes da pandemia funcionabamos moi ben nas feiras nas que había un compoñente de festa, algo que agora falta. Temos tamén a nosa páxina web, facemos envíos a toda a España peninsular, un medio de venda que vai subindo pouco a pouco, e do que esperamos que nos aporte bastante.

 

… antes da pandemia funcionabamos moi ben nas feiras nas que había un compoñente de festa, algo que agora falta

 

E que tal a saída da produción estes anos de pandemia?

É algo complicado de valorar, especialmente para nós, que só levabamos dous anos de vida antes de comezar a pandemia. O comezo supuxo un parón cando estabamos nunha tendencia a alza. Na volta das feiras si notamos que a xente tiña ganas de saír e mercar, pero volver ao mesmo unha e outra vez fixo que todo volvese quedar estancado. Así que en xeral non moi ben, pero dentro do esperado para un tempo coma este.

Para rematar, algunha elaboración en fase de probas, algunha novidade para este 2022?

Comezamos estes días con probas para elaborar un licor de castaña, augardente de Valdeorras e castañas de Manzaneda, da cooperativa Amarelante. Pero aínda non sabemos se sairá á venda este ano ou vai quedar niso nunha proba máis. Non sería o primeiro que despois de probar dámonos conta que non é unha boa receita e que o mellor e deixalo apartado.

También te podría gustar...