Convocadas seis novas prazas en lectorados de lingua galega de Alemaña, Portugal, Italia, Croacia e Brasil

  • Cultura e Educación convoca 6 novas prazas en lectorados de lingua galega de Alemaña, Portugal, Italia, Croacia e Brasil
  • Trátase de bolsas de formación nas universidades de Berlín, Nova de Lisboa, Roma La Sapienza, Zádar, Río de Xaneiro e São Paulo
  • As persoas aspirantes poderán presentar a súa solicitude ata o día 20 de xuño e deberán defender o seu proxecto didáctico para a praza á que concorran
  • Esta convocatoria súmase á publicada o día 12 de maio, con prazas nos lectorados de Barcelona, Bangor, Heidelberg, Kiel, Leipzig e Varsovia

logo_DOGO Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a Orde da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pola que se aproban as bases e se anuncia a convocatoria pública de seis bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas de Berlín (Alemaña), Lisboa (Portugal), Roma (Italia), Zádar (Croacia), Río de Xaneiro e São Paulo (Brasil). O texto íntegro da convocatoria pode consultarse no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o día 20 de xuño de 2016. O 28 de xullo, os aspirantes terán que defender na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), ante a comisión de valoración creada para o efecto, o proxecto didáctico que propoñen aplicar nos lectorados a que aspiren.

A convocatoria de hoxe súmase á publicada o día 12 de maio para 6 prazas de lector ou lectora de lingua e cultura galegas nas universidades de Barcelona, Gales-Bangor (Reino Unido), Heidelberg, Kiel e Leipzig (Alemaña) e mais Varsovia (Polonia).

Estudos requiridos
Os concorrentes deben estar en posesión do título de Licenciatura en Filoloxía Galega ou en Filoloxía Románica sempre que a primeira ou segunda lingua románica elixida fose o galego, grao en Lingua e Lilteratura Galegas, Grao en Estudos de Galego e Español ou Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios. Requírese ter unha idade máxima de 35 anos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Ademais, para as prazas localizadas en Alemaña, Italia e Croacia poderá presentarse tamén quen estea en posesión da Licenciatura en Tradución e interpretación sempre que acredite 27 créditos en materias de galego e 21 en materias de inglés ou ben da lingua oficial do país onde se localice o lectorado solicitado. Tamén poderán concorrer os graduados en Tradución e Interpretación, pero neste caso deben acreditar 30 créditos de materias de galego e 21 en materias de inglés ou da lingua oficial do país de destino.

Proxección exterior do galego
A Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia está integrada por un total de 35 centros en universidades de América e de Europa por medio de convenios de colaboración que subscribe a Administración autonómica galega desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O obxectivo é dotar estas universidades de órganos de referencia –coordinados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística- para o coñecemento e a promoción da nosa lingua, non só no ámbito académico, senón tamén na súa área de influencia.

Actualmente, hai centros de estudos galegos en Alemaña, Brasil, Croacia, España, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal, Reino Unido, Rusia e Suíza. A maioría destes centros -en concreto, 27- vense reforzados coa presenza dun profesor lector ou lectora que, como complemento á súa actividade formativa, se responsabiliza da docencia, da investigación e da promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas.

A creación dos centros de estudos galegos enmárcase, desde o punto de vista normativo, na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, que establece o desenvolvemento das accións necesarias para a difusión da lingua propia de Galicia fóra do seu ámbito territorial. Así mesmo, a convocatoria de prazas nos lectorados responde a un dos obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega fixados no ámbito da proxección exterior que incide en “consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades en que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico”.

También te podría gustar...