Conta atrás para a XXI Mostra do Aceite de Quiroga

  • Despois de ter cancelada a súa celebración no 2020 este ano volve co seu formato habitual pero limitado polas normas sanitarias.
  • Será o 30 de maio e contémplase un aforo de 200 persoas para o seu acceso ao recinto feiral no lugar das Farrapas, en Bendilló.
  • A mostra foi declarada ‘Festa de Interese Turístico’ en maio do 2013.
Capela das Farrapas. Foto XMF

 

O Concello de Quiroga volverá celebrar o vindeiro domingo, 30 e maio, a exaltación do seu apreciado aceite de oliva virxe e farao con varias novidades respecto a edicións anteriores. Unha delas é que este ano esixiuse que o aceite presente na mostra tiña que contar con rexistro sanitario, autorizado polo órgano competente, co cal o número de olivicultores inscritos redúcese a catro.

Outras novidades están relacionadas coas condicións e normas sanitarias que esixiron cambios na súa organización. O recinto feiral estará aberto dende as once e media da mañá ata as dúas do mediodía. Para poder acceder ao recinto da mostra e ao muíño poderase concertar cita previa, a través do teléfono 982 435125. A organización decidiu que en cada hora –duración que se estima de cada visita– non haxa máis de 200 persoas en todo o recinto feiral, polo que aínda que a entrada é libre, darase preferencia de entrada a aquelas persoas que concertaran cita previamente.

Foto XMF

 

Para facilitar que os asistentes poidan ver a elaboración do aceite tradicional, controlarase o aforo de acceso ao muíño con preferencia para os que teñan reserva; e para coñecer doutro xeito o proceso, evitando tamén posibles aglomeracións, proxectarase na Capela das Farrapas un vídeo.

Segundo explican da RTMQ –Radio e Televisión Municipais de Quiroga–  ao non haber cata este ano e quedar libre a Capela, decidiuse proxectar un vídeo no seu interior no que poderá verse o proceso de elaboración do aceite. Trátase dun vídeo feito para a ocasión con material de arquivo da televisión municipal de Quiroga dunha duración duns 4 minutos. A idea é organizar quendas controladas de xente para o acceso e que non estean máis do tempo que dura a proxección.

Tamén nos aclaran da RTMQ que non está previsto, como se comentou nalgún medio, que se retransmita o vídeo polas redes sociais nin que os asistentes poidan ver todo o proceso ‘por streaming’. Tan só se poderá ver no interior da Capela das Farrapas.

Entrada ao Muíño de Aceite de Bendilló. Foto XMF

 

Nesta edición tampouco faltará a parte festiva e comercial. A música do grupo de gaitas O Recanto deixarase sentir polo recinto feiral a partir das doce do mediodía e, ademais dos olivicultores, haberá varios postos de produtos de alimentación e de artesanía da zona.

Segundo o rexedor local, Julio Álvarez, trátase dunha mostra cunha normativa adecuada que cumprirá as normas sanitarias decretadas polas autoridades competentes en cada momento, pero co mesmo atractivo e servizo de anteriores edicións. 

Mostra do 2019. Foto XMF