Comunicado da Deputación de Ourense co gallo do 79 cabodano de Alexandre Bóveda

1Fachada-Deputacin-300x213Cúmprense hoxe 79 anos do día no que o intelectual e político ourensán, Alexandre Bóveda nacido en Ourense o 7 de xuño de 1903, fose asasinado sen ter cometido máis delito que amar incondicionalmente a Galicia.

A vida de Bóveda foi un claro exemplo do que é o compromiso pola defensa do autogoberno de Galicia, participando na elaboración do proxecto de Estatuto de Autonomía para Galicia elaborado durante a segunda república, plebiscitado o 28 de xuño de 1936, pero que non chegou a entrar en vigor por mor do estourido da guerra civil.

Foi Bóveda tamén unha persoa comprometida co avance político, económico e social de Galicia e por iso foi un piar básico para a fundación do Partido Galeguista e a creación das caixas de aforro galegas.

Do mesmo xeito que fixera Alexandre Bóveda no seu tempo, as institucións teñen a obriga de respectar e poñer en valor o patrimonio cultural e identitario do pobo ao que representan, por iso a Deputación de Ourense nomeou no ano 2001 a Alexandre Bóveda Fillo Predilecto da Provincia de Ourense. Un nomeamento que recoñece o compromiso deste ilustre ourensán que finou como mártir das ideas de progreso e da conciencia de Galicia como pobo, un pobo cunha identidade e unha lingua de seu.

Dende a Deputación de Ourense queremos aproveitar esta significada data para lembrar o moito e bo traballo que por Galicia e Ourense fixo Alexandre Bóveda, un dos bos e xenerosos aos que nunca debemos esquecer do mesmo xeito que el non esqueceu o valor do propio e a defensa do noso pobo, a nosa lingua e, en definitiva, a nosa identidade.

También te podría gustar...