Comedia, drama e teatro clásico, nas “XXVIII Noites teatrais de Vilamarín”

Presentacion.noites.teatrais.vilamarín.03

 

Comedia, drama e teatro clásico serán os xéneros protagonistas nas “Noites teatrais de Vilamarín”, un dos certames máis importantes no ámbito das artes escénicas de Galicia, que este ano chega á súa 28ª edición. Organizadas polo Concello de Vilamarín e coa colaboración da Deputación de Ourense “as Noites teatrais son unha referencia fixa e notable no calendario teatral do verán en Galicia”, destacou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, quen estivo acompañado no acto de presentación polo alcalde de Vilamarín, Amador Vázquez; o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, e a concelleira de Cultura de Vilamarín, Marina Rodríguez.

Rosendo Fernández afirmou que este proxecto “é froito da colaboración entre institucións públicas e privadas, e supón unha excelente maneira de espallar a cultura pola nosa provincia, algo no que a Deputación está e estará sempre, pois iniciativas como esta contribúen ao desenvolvemento social e cultural dos nosos concellos”.

Amador Vázquez agradeceu o apoio da Deputación de Ourense e da Xunta, así como de Mariluz Villar e de Luis Rodríguez Míguez, “quen durante quince anos impulsaron as Noites Teatrais e foron quen de darlle o pulo para convertelas no gran certame que hoxe son”. O alcalde lembrou que cada ano preto de dúas mil persoas pasan polos espectáculos que ofrecen as Noites, “un público que chega de diferentes lugares de Galicia e que atopa en Vilamarín unha oferta cultural atractiva para o lecer e o goce das artes escénicas”.

Pola súa banda, Anxo Lorenzo recoñeceu o esforzo que ao longo destes 28 anos leva facendo Amador Vázquez e todo o equipo que fai posible as Noites Teatrais, “un evento que este ano conxuga o teatro profesional co afeccionado, algo que é moi de salientar, como tamén o feito de que este evento poña en valor o labor que fan as persoas que traballan no ámbito da escena en Galicia, tanto actores, como directores, dramaturgos e técnicos”.

O programa desta edición das Noites Teatrais, segundo explicou Marina Rodríguez, desenvolverase entre os días 14 e 17 de xullo, ás 22.30 horas, ofrecéndolle ao público no Auditorio municipal de Vilamarín dúas comedias: “A louca historia de Galicia”, que pon en escena o día 15 de xullo a compañía Fulano, Mengano e Citano; e “Chévere”, o 17 de xullo, a cargo de “As fillas bravas”, compañía gañadora do Premio Nacional de Teatro en 2014. O programa complétase o día 14 con “III”, drama baseado no texto “Ricardo III” de William Shakespeare e representado pola Aula de Teatro Universitario de Ourense “Maricastaña”; e o 16 de xullo coa obra de teatro clásico “Cyrano”, a cargo de Teatro Galileo.

También te podría gustar...