• O prazo para inscribirse na vindeira convocatoria da Cata de Viños e Augardentes de Galicia remata mañá martes 10 de maio
  • As solicitudes presentaranse na sede do consello regulador correspondente, namentres que no caso dos viños da terra deberán facelo na Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria
  • Para a organización deste evento, Medio Rural conta coa colaboración do Instituto Galego da Calidade Alimentaria, dos cinco consellos reguladores vitivinícolas e do das Augardentes e Licores Tradicionais

premios_cataO prazo de presentación de solicitudes para a convocatoria dos concursos correspondentes á XXVIII Cata dos viños de Galicia, á XVIII Cata das augardentes de Galicia, á V Cata dos licores de herbas e de café de Galicia e das augardentes de Galicia envellecidas e á II Cata das augardentes de herbas de Galicia remata mañá martes, 10 de maio.

Todos os que queiran participar neste certame, consagrado xa no calendario galego, poderán atopar as bases e os correspondentes boletíns de inscrición na páxina web da Consellería do Medio Rural, concretamente na seguinte ligazónhttp://mediorural.xunta.gal/areas/alimentacion/cata_de_vinos_e_de_augardentes/.

De acordo coas bases, as solicitudes relativas aos viños con denominación de orixe e ás augardentes e licores deberán presentarse na sede do consello regulador correspondente, agás os viños da terra que se deberán enviar á Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentarias da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

Este tipo de concursos serven para premiar a calidade dos produtos agroalimentarios, o cal redunda na súa propia promoción e aumento do seu prestixio entre os consumidores. Ademais, a realización deste tipo de certames tamén ten efectos positivos en relación coa mellora das condicións de produción e elaboración polo interese dos participantes en acadar un recoñecemento público.

Para a organización deste evento, a Consellería do Medio Rural conta coa colaboración do Instituto Galego da Calidade Alimentaria, así como coa dos cinco consellos reguladores das denominacións de orixe vitivinícolas galegas e coa do Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.