Non haberá Festas Patronais en Monforte este ano “por responsabilidade sanitaria cos monfortinos e monfortinas”

  • José Tomé Roca, anunciou en rolda de prensa que aínda que xa estaba concretado dende principios de ano un programa para as Patronais e que, tras a irrupción do Coronavirus, se traballou nunha opción alternativa, finalmente tomouse a decisión de non levar a cabo os eventos habituais propios desta celebración e que levan consigo a aglomeración de persoas
  • O Alcalde xustificou esta “decisión moi difícil de tomar e moi dolorosa”, debido ós rebrotes do Covid-19 que se están en varias localidades da provincia e tamén dado que son moitas as persoas de fóra de Galicia que visitan a cidade nestas datas
  • O rexedor municipal salientou que sí se celebrarán 2 actos relacionados coas Festas Patronais, como serán a misa na honra da Patroa da cidade, a Virxe de Montserrat, e os Fogos artificiais de San Vicente. Ambos celebraranse o día 15 de agosto

 

 

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou na tarde de hoxe mediante rolda de prensa ós medios de comunicación, que este ano 2020 non haberá Festas Patronais na cidade, que tradicionalmente se celebran no mes de agosto.

“Esta decisión de non celebrar ningún tipo de evento relacionado coas Festas Patronais que leve consigo a aglomeración de persoas aínda que sexan pequenos grupos”, recalcou o rexedor municipal, “foi unha decisión moi difícil de tomar e moi dolorosa para min como Alcalde, pero tamén para todo o Equipo de Goberno, posto que dende que chegamos ó Goberno no ano 2015, un dos piares no noso traballo en materia de Cultura foi recuperar as nosas Festas e devolverlles o prestixio e esplendor que tiveron no pasado”.

Deste xeito, o Alcalde monfortino explicou que o motivo de tomar esta difícil decisión de non celebrar as Festas Patronais “ven dado polos rebrotes do Coronavirus que se están dando en varias localidades da provincia de Lugo, algunha delas con certa proximidade, como é o caso de Monterroso ou Vilalba, e dado que son moitas as persoas que nos visitan de fora de Galicia, onde o Coronavirus ten tido unha incidencia importante, non queremos que os veciños e as veciñas de Monforte corran ningún risco motivado pola celebración dalgún evento organizado polo Concello. Así que esta decisión foi tomada única e exclusivamente por responsabilidade sanitaria con todos os monfortinos e monfortinas.”

 

Cronoloxía dos feitos

Na súa exposición, Tomé Roca relatou a evolución no que foi a organización das Patronais, e como a aparición do Coronavirus alterou tal planificación. Neste senso, dende principios de ano dende o Equipo de Goberno estaba concretado o programa das Festas Patronais para este ano, “tal e como vimos facendo habitualmente dado que os catro anos anteriores que levamos de Goberno sempre tivemos pechado o Programa das Festas Patronais no primeiro trimestre de cada ano” indicou o Alcalde.

“Este ano, tiñamos totalmente elaborado o programa normal para as Patronais do ano 2020, incluíndo os 5 concertos que se ían facer este ano, as orquestras que ían acompañar eses concertos, a actuación do día do Pregón na praza de España. En definitiva, tiñamos elaborado un programa de festas moi potente para seguir mantendo o nivel que acadaron nos últimos anos as Festas Patronais de Monforte cunha grande capacidade de atracción de público a Monforte e ós recintos festivos”.

O Alcalde informou que dende o momento en que se decretou o estado de alarma pola crise sanitaria do Coronavirus, acordouse suspender os citados concertos adquirindo o compromiso de manter ese calendario para o ano 2021, “dado que nos parece que o programa previsto é dunha calidade que permite trasladalo para o vindeiro ano, motivo polo cal non imos dar a coñecer cales eran eses artistas contratados, porque será o vindeiro ano cando informaremos cales van ser eses concertos, loxicamente será cando demos a coñecer o programa das Festas para o ano 2021”.

Da mesma maneira, con posterioridade ó estado de alarma, e co obxectivo de promocionar a actividade económica, o turismo, o comercio e co obxectivo de atraer a Monforte a un turismo de interior, dende o Equipo de Goberno programáronse unhas Festas Patronais alternativas, consistentes en concertos máis pequenos acotados co que marca a normativa, e distribuídos polos diferentes barrios da cidade para tratar de chegar a todos os monfortinos e monfortinas sen que iso xenerara desprazamentos masivos de xente.

Así, ademais de concertos na Explanada da Compañía, acotada para non superar o aforo, tamén estaban previstas actuacións na Praza de España, no barrio de San Antonio, na zona da Pinguela, no Valle de Lemos e no barrio da Estación onde, aparte de concertos de pequeno formato, tamén incluía actividades infantís e cine na rúa.

Finalmente, polos motivos explicados anteriormente, por responsabilidade sanitaria con todos os monfortinos e monfortinas, dende o Concello tomouse a decisión de non celebrar as Patronais deste ano 2020.

 

Celebración de dous actos relacionados coas Festas Patronais

A pesares da decisión tomada dende o Equipo de Goberno do Concello, o Alcalde anunciou celebración de dous actos relacionados coas Festas Patronais.

Dunha banda, a misa na honra da Patroa de Monforte, a Virxe de Montserrat, que se celebrará o día 15 de agosto ás 11 horas como viña sendo tradicional, aínda que neste caso debido as obras na igrexa de San Vicente, a misa este ano terá lugar na Igrexa de A Régoa.

Para acudir á celebración relixiosa, sairá a comitiva da Corporación ás 10:45 horas dende o Concello, para recorrer a pé o percorrido ata a igrexa.

Durante a procesión posterior á misa, haberá unha ofrenda floral reducida, para evitar concentración de persoas, no atrio da igrexa na que depositarán frores, o Alcalde, os membros da Corporación que asistan e a Cofraría das Camareiras da Virxe, para o cal acotarase un espazo en torno á imaxe da Virxe de Montserrat, con fin de evitar que se xunten moitas persoas.

A segunda actividade que vai haber relacionada coas Festas, serán os Fogos de San Vicente, que serán disparados o mesmo día 15 de agosto ás 12 da noite, tendo unha proxección semellante á de anos anteriores, aínda que lle foi encargado á empresa pirotécnica que tiveran unha lonxitude no tempo un pouco maior e tamén unha maior intensidade.

 

Cartel das Patronais de 2020

O Alcalde tamén se referiu ó Concurso convocado para a elaboración do Cartel das Festas Patronais, indicando que dito con curso rematou a súa tramitación, tras a que foi escollido polo xurado técnico un cartel cuxa contía económica de 1.000 euros de premio será aboada ó gañador, “aínda que non poderá figurar en ningún programa das Festas, sinxelamente porque non vai haber programa, pero si cumprimos co concurso que tiñamos convocado”, resaltou o Alcalde.

A pesar da pandemia, presentáronse 20 propostas de cartel que serán expostas na Casa da Cultura, como se viña facendo todos os anos, dende o 21 ata o 31 de agosto para que os cidadáns coñezan as diferentes propostas e o cartel gañador, que será dado a coñecer no momento en que se faga dita exposición.