Benestar inviste este ano un total de 330.000 euros en axudas para a inclusión social en nove concellos de Ourense, entre eles O Barco

Aalberto nunez feijoo preside a reunion do consello da xunta Consellería de Traballo e Benestar vén de resolver a orde pola que se financian os programas de inclusión social que desenvolven os concellos galegos. A provincia de Ourense resultou beneficiada con case 330.000 euros, un 13 por cento máis que en 2014. Con este orzamento apóianse aquelas iniciativas desenvolvidas por nove concellos ourensáns dirixidas á poboación xitana, inmigrante, e a persoas en risco de exclusión beneficiarias da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA).

O investimento desta convocatoria está distribuído do seguinte xeito: 188.237 euros para a comunidade xitana, 119.206 euros para a poboación inmigrante, e 21.562 euros para os beneficiarios da RISGA.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, sinalou que o Goberno galego con estas axudas segue a reforzar o seu apoio ás persoas máis desfavorecidas. “O noso compromiso é total cos ourensáns que están a atravesar unha situación de risco de exclusión ou de vulnerabilidade”, asegurou.

Así, os concellos beneficiados con esta liña de axudas son: Barco de Valdeorras, O Carballiño, Esgos, Maceda, Maside, Ribadavia,Verín, Xinzo de Limia e o da capital. Precisamente, a cidade de Ourense é o municipio que recibirá máis subvención, superando os 120.000 euros.

Ao abeiro desta orde de axudas levaranse a cabo itinerarios personalizados de inclusión sociolaboral; intervencións educacionais para mellorar as condicións residenciais das persoas ou familias incorporadas a procesos de realoxo, erradicación do chabolismo, ou con carencias básicas no fogar; accións educativas enfocadas aos menores; asesoramento técnico especializado; e apoio ás persoas inmigrantes no relativo á realización dos trámites precisos nas autorizacións e renovacións de residencia e traballo.

O obxectivo último de todas estas actuacións é acadar a inserción sociolaboral destes colectivos.