Benestar convoca 240 prazas para participar no programa ‘Xuntos polo Nadal’ dirixido a persoas maiores de 60 anos

xunta de galiciaA Consellería de Traballo e Benestar convoca este ano 240 prazas para participar no programa Xuntos polo Nadal dirixido a persoas maiores de 60 anos. Trátase dunha iniciativa destinada a aquelas persoas que se atopan soas e queiran pasar o Nadal en compañía. Deste xeito, o programa ten lugar entre o 23 de decembro e o 2 de xaneiro nas residencias de tempo libre do Carballiño para residentes nas provincias de Pontevedra e Lugo; e na de Panxón, para os maiores da Coruña e Ourense. Cada emprazamento contará con 120 prazas.

O prazo de inscrición rematará o próximo 15 de novembro. Poderán participar as persoas maiores de 60 anos residentes en Galicia, que se poidan valer por si mesmos, non padezan enfermidade infecto – contaxiosa activa nin trastornos mentais ou condutuais non compensados que podan alterar a convivencia e que non estean acollidos nun centro residencial.

Para a selección dos participantes darase prioridade aos que realmente vivan sos e non teñen con quen pasar estas datas; teñan un menor nivel de ingresos económicos; non participaran neste ano en ningunha quenda do programa de Benestar en balnearios nin en pasadas edicións do programa Xuntos polo Nadal; e, por último, terán preferencia as persoas con máis idade.

O programa contempla o aloxamento e manutención en réxime de pensión completa durante 11 días. A saída desde os puntos de orixe (Santiago, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense) realizarase o día 23 de decembro pola mañá e o regreso será o día 2 de xaneiro despois de xantar. Os solicitantes cuns ingresos inferiores ao IPREM (532,51 euros) asistirán de forma gratuíta a esta iniciativa e o resto de participantes colaborarán co pagamento da estadía cunha achega de 50 euros.

As solicitudes poden presentarse nos servizos sociais comunitarios dos concellos, nos servizos sociais de atención primaria de saúde, nas xefaturas territoriais e nos centros sociocomunitarios de benestar dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.

Os interesados poderán acceder aos modelos de solicitude ou recibir máis información na páxina web do departamento autonómico, http://benestar.xunta.es ou no Teléfono Social 900333666.

También te podría gustar...